‘Bailar en hombre’, de Fernando López, en Compostela e na Coruña

Bailar en hombre é o título da peza que coroa o proxecto de investigación teórico-práctica do flamencólogo madrileño afincado en Francia Fernando López, que se poderá ver hoxe ás 20:30 no Teatro Principal de Compostela e no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o sábado 26 de maio, tamén ás 20.30 horas.

Despois do traballo que levou a cabo na Universidade París VIII, en torno a cuestións como a construción da masculinidade no baile flamenco ou a relación home-muller e os seus respectivos roles, afonda nesta proposta escénica na evolución dos códigos de xénero e sexualidade dentro do flamenco ao longo do anterior século.

Como fío condutor o percorrido polas distintas versións da “Farruca”, o xénero dancístico flamenco creado a principios do século XX, de posible orixe galega, e que, logo do transcurso dos anos, se converteu no emblema da masculinidade e do chamado “baile de home”. As relacións entre home e muller e as diferentes manifestacións de masculinidade e feminidade son algunhas das cuestións que, de xeito artístico e pedagóxico, planean sobre , unha peza que ofrece unha visión panorámica sobre as variacións antes, durante e despois do Franquismo.

 

Presentación do libro

A actuación da Coruña inscríbese dentro do programa TRC Danza e virá precedida da presentación do libro do artista e flamencólogo Fernando López titulado De puertas para adentro: disidencia sexual y disconformidad de género en la tradición flamenca. Trátase dun ensaio sobre a homofobia en certos sectores do mundo flamenco. O texto combina a experiencia persoal de Fernando López como bailaor e un estudo riguroso sobre as estratexias que diversos artistas flamencos desenvolveron, dende finais do século XIX ata a actualidade, para amosarse no escenario e negociar de distintos xeitos cos códigos heteronormativos do momento. 

En colaboración con Fiandón. Libros de Vello haberá oportunidade de atopar ao propio autor na presentación desta obra na cidade. O encontro realízase o día previo á presentación no Teatro Rosalía de Castro  coa vontade de contextualizar un pouco máis a súa proposta para o escenario.

A presentación terá lugar o venres 25 de maio ás 20 horas en Fiandón. Libros de Vello (Rúa San Roque 11).

Deixar unha resposta