O Festival Manicómicos chega á súa 18ª edición

Do 15 ao 19 de agosto celebrarase na Coruña a XVIII edición do Festival Manicómicos: teatro cómico, clown e circo contemporáneo ateigarán as rúas da cidade. O Festival, organizado pola Asociación Cultural Manicómicos, ten a intención de amosar, xunto a xoves artistas galegos, a primeiras figuras do panorama cómico internacional que ademais imparten cursos durante o festival.

O programa deste ano comeza o mércores 15 con Totum revolutum, da compañía madrileña Vueltos de Rosca, unha disparatada viaxe autobiográfica a través das diferentes modalidades de circo, na que dous excéntricos personaxes chegarán a amosarnos un novo estilo: o circo contemporáneo na rúa. No Campo da Leña, o mércores 15 ás 20:30 e o xoves 16, ás 13:00.

Vol’e Temps, de Andalucía presentarán Distans, un espectáculo que fala da fraxilidade do ser humano, da ruptura, da soidade e do amor capaz de rexenerar e reconstruír relacións. Unha viaxe a través das emocións que produce o risco no circo, nun espazo visual e sonoro envolvente. No Campo da Leña, o mércores 15 ás 22:00 e o xoves 16, ás 12:00.

O clown arxentino Niño Costrini traerá á Coruña Humanus Comicus, unha enxeñosa e participativa parodia do mundo do circo que invita a rir e tamén a reflexionar. Na Praza de Azcárraga, o xoves 16 ás 19:00 e o venres 17 ás 12:00.

Irene de Paz (Andalucía) trae La madeja, unha proposta delicada sobre a aceptación do enredo como parte de nós, na que se nos amosa que a vida ten moitos fíos dos que tirar. Na Praza da Constitución, o xoves 16 ás 20:30 e na Praza das Cunchiñas, o venres 17 ás 13:00.

Ahora, de Maite Guevara (Euskadi), preséntanos un personaxe, Martina, que desborda entusiasmo e que está preparada para calquera desafío que se lle presente. Pero non todo pasa como unha quere, o tempo pasa, e talvez sexa o momento de que todo suceda. Na Praza das Bárbaras, o xoves 16, ás 22:00 e o venres 17, no Parque de Santa Margarida (entrada Ronda de Nelle) ás 22:00.

A compañía francesa Nezdames & Nezssieurs –un dúo de pallasos dominadores das técnicas de caídas e accidentes– virán ao festival con Attention, Danger: dous técnicos dunha brigada especialista en arrincar cartaces das rúas son chamados polo concello para un traballo particular no que amosarán os seus diferentes niveis de experiencia no posto. No exterior da Casa das Ciencias, o venres 17 ás 19:00 e no Parque Paseo das Pontes, o sábado 18 ás 13:00.

Immaginario Teatro, de Andalucía, formada por dous artistas multidisciplinares, mesturan a beleza plástica dos corpos coa maxia das imaxes fusionando circo, teatro e clown dun xeito maxistral. Representará Welcome, unha visión poética de dous personaxes da rúa, que nos fala da realidade cotiá, ás veces cruel, dende unha perspectiva inocente e poética. No anfiteatro do Parque de Santa Margarida, o venres 17 ás 20:30 e na Dársena da Mariña, o sábado 18 ás 20:30.

O coñecido artista galego Jano estará no festival con Sen medidas: xogar coma un neno atrapado nun corpo de adulto, mesturar os malabares, as acrobacias, o enxeño coa comunicación co público. Deixarse ir e crer na maxia sen medida. No Parque Paseo das Pontes, o sábado 18 ás 12:00 e nos Xardíns de Méndez Núñez, o domingo 19 ás 12:00.

Hiltoff y Pelito (Andalucía) presentan Life: a vida pode ser tan simple como plantar e regar unha semente, ou tan complexa como tentar comprender un proceso indescritible a través da ciencia e da alquimia. Na Dársena da Mariña, o sábado 18 ás 19:00 e nos Xardíns de Méndez Núñez, o domingo 19 ás 13:00.

O dúo belga Okidok [na foto], unha das compañías máis sorprendentes e creativas do clown europeo actual –gañadora do Gran premio do Xurado do Milan Clown Festival e do Premio do Público no prestixioso Rochefort Festival de Bélxica–, traerá Slips Experience, un espectáculo renovador de estilos, transgresor e cunha calidade interpretativa para non esquecer. No anfiteatro do Parque de Santa Margarida, o sábado 18 ás 22:00.

Como xa vén sendo habitual, o festival pechará cunha Gala na que se poderá desfrutar tanto de artistas locais vencellados á asociación coo de artistas invitados. Hora e media de diversión para público familiar con números de circo, clown, acrobacias, música e humor. No Anfiteatro do Parque de Santa Margarida, o domingo 19, ás 19:00.

Deixar unha resposta