A Deputacion de Lugo abre unha liña de axudas para o teatro profesional

A Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, presentou este martes as axudas directas que por primeira vez ofrece o Goberno da Deputación de Lugo ao teatro profesional da provincia. Fíxoo acompañada por representantes deste sector, que en diversas xuntanzas reclamaron apoio institucional para desenvolver os seus proxectos artísticos por toda a provincia.

O programa PROSCENIO está dirixido ás compañías profesionais de teatro de carácter privado e con domicilio fiscal na provincia de Lugo, e conta cun investimento do organismo provincial de 25.000 euros. Este novo proxecto, ademais de incentivar as compañías lucenses, pretende contribuír a mellorar a programación cultural, ofrecendo teatro profesional por toda a provincia e para que sexa asequible a todos os públicos.

O calendario de actuacións de representación das compañías lucenses desenvolverase dende o 1 de novembro ata o 31 de decembro de 2018, e o caché de cada representación dependerá da tipoloxía e natureza das obras, que oscilarán como máximo entre os 4.000 e os 5.500 euros. Os Concellos ou Asociacións sen ánimo de lucro que desexen participar nesta iniciativa deberán aportar o 50% de cada actuación, e o restante correrá a cargo da Deputación”.

García Porto informou ademais que, tras a súa aprobación na Xunta de Goberno, e a publicación das bases no BOP hoxe mércores 29, todos os axentes interesados, tanto Concellos como Asociacións e compañías de teatro, teñen de prazo 10 días naturais -é dicir ata o 8 de setembro- para presentar toda a documentación necesaria para participar no proxecto. Ademais na web da Deputación haberá un banner con toda a información a complementar sobre esta convocatoria.

 

Comisión técnica

Para realizar o calendario de PROSCENIO, a Deputación comprométese a constituír unha comisión técnica que será encargada de analizar a presentación de solicitudes, tanto das peticións de actuacións nos diferentes Concellos e Asociacións, como as inscricións dos grupos de teatro de acordo co establecido nas bases deste convocatoria. Ademais, esta comisión tamén será a encargada de encaixar as necesidades dos Concellos, asociacións e dos grupos teatrais.

Deixar unha resposta