IV edición do Festival Quincegotas na Coruña

A Coruña acollerá, entre os días 21 e 23 de setembro, a cuarta edición do festival de danza na rúa Quincegotas, que ten como finalidade achegar as artes do movemento a novos públicos ao desenvolver os espectáculos no espazo público.

Nesta edición, o festival trasladará a súa acción ao Agra do Orzán, Eirís ou a Cidade Vella, ademais de regresar ao Castelo de San Antón, a Praza de María Pita ou ao Concello de Oleiros, afondando no carácter metropolitano da proposta.

Unha das novidades deste ano será a incorporación de proxeccións audiovisuais e o diálogo con creadoras, como a exhibición do documental Fuera de Escena e posterior coloquio coa súa directora, Alejandra Aguirre; a posibilidade de participar nun obradoiro gratuíto de danza, impartido por Diego Sinninger; ou a creación do Espazo Alicerce, no que intervirá o alumnado das aulas de danza de conservatorios, escolas e universidades para presentar o traballo de cada un dos centros convidados. Este “espazo de apertura”, como así o definiu Ramiro Neira, produtor do festival, terá lugar o domingo 23 de setembro, a partir das 17.15 horas, na Praza de María Pita.

A cuarta edición de Quincegotas contará, ademais, coa participación dun total de 12 compañías –unha delas, La intrusa, Premio Nacional de Danza 2015–, das cales cinco son galegas, que ofrecerán un total de 20 actuacións, o dobre que en anteriores edicións, en espazos emblemáticos da cidade. Entre todas as propostas haberá 2 estreas absolutas: Voo, de Ánxela Branco, e Resiliencia, peza de Ana Serantes e que inaugura, ademais, o novo espazo do festival Apoio á Nova Creación Galega.

 

Programación

O festival arrincará o venres 21 de setembro na pérgola de Eirís, coa representación das pezas Voo, de Ánxela Blanco, Ozkol, de Proyecto Larrua, Billie Jean de La Intrusa e Give it a Spin, de Pisando Ovos.

Ao día seguinte, sábado 22, o centro Ágora acollerá pola mañá o taller con Diego Sinniger e a charla e proxección de Fuera de Escena.

A partir das 17.45, as actuacións de Raquel Piñeiro –con A ti, a el– e Nadine Gerspacher –con Nua– sucederanse na entrada do centro sociocultural e, a partir das 18.45 horas, trasladaranse á praza dos Mariñeiros, na que participarán Ser Danza –con Resiliencia–, Elahood – con Impermeable–, Exire –con Nexos– e Laura Arís e Álvaro Esteban –con Cualquier mañana.

Finalmente, durante a mañá do domingo 23, o festival ofrecerá tres espectáculos: Dosis de UnaiUna, Sí, quiero de Entremáns e Dis-Connect de Diego Sinniger, a partir das 13:00 horas no Concello de Oleiros.

Xa pola tarde, ás 17.15 horas, na Praza de María Pita presentarase unha novidade, o Espazo Alicerce: un espazo onde intervirán as aulas de danza de conservatorios, escolas e universidades e servirá para expor o labor de formación e a liña de traballo de cada centro invitado. Alumnas e alumnos, novos e non tan novos, mostrarán as súas propostas dentro dun marco profesional, co que se xerará un intercambio de experiencias onde a paixón pola danza seguirá sendo o motor da aprendizaxe.

Ás 18:15, na Praza da Constitución representarase Dosis de UnaiUna e, a partir das 19:00, no Castelo de San Antón, pecharase a cita cos espectáculos Ozkol, de Proyecto Larrua, Liov de Diego Sinniger e Sí, quiero, da Compañía Entremáns.

 

Na imaxe, Cualquier mañana de Laura Arís e Álvaro Esteban.

Deixar unha resposta