A Mostra de Teatro de Cangas, Premio da Crítica de Galicia

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas vén de recibir o Premio da Crítica de Galicia de Artes Escénicas, entregados esta tarde en Vigo.

Fundada no 1984 pola asociación cultural Xiria, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) é hoxe unha das máis importantes manifestacións galegas, estatais e internacionais de espectáculos vivos que teñen o humor por bandeira. A actual directiva está formada por María Armesto –directora artística–, Salvador del Río, Silda Alfaro, Xoan Carlos Riobó, María Xosé Mariño “Che” e Julia Abal. x

A MITCFC leva 35 anos transformando Cangas nunha vila-teatro que exhibe espectáculos nos máis variados espazos posibles, acollendo a milleiros de espectadores de todas as idades e procedencias xeográficas e reforzando así a aposta por que as artes escénicas invadan a vida cotiá da vila. Nestes trinta e cinco anos de vida, pasaron polos escenarios de Cangas practicamente todos os nomes relevantes do teatro galego e unha ampla mostra dos máis destacados a nivel estatal. Así mesmo, unha extensa nómina de creadores internacionais pasaron polo festival do Morrazo.

A Mostra de Cangas é, igualmente, un referente autonómico e estatal en materia de igualdade de xénero, sendo a primeira mostra do estado que impulsou e aplicou o principio de paridade, mesmo desde antes do nacemento das leis galega e estatal de igualdade. Así, a unha programación  totalmente  paritaria, témoslle que sumar os dezasete anos de vida das xornadas Mulleres en Acción e a sexta edición do Premio que leva o mesmo nome.

35 anos construíndo espazos, creando públicos, impulsando novas formas, promovendo a pedagoxía e os encontros profesionais, aplicando transversalmente o principio de igualdade, coproducindo espectáculos e non perdendo de vista o seu obxectivo principal, comunicar con humor.

Os Premios da Crítica Galicia convócanse desde 1978, ano en que foron creados polo Círculo Orensán Vigués. En 1992 fíxose cargo deles a Fundación Premios da Crítica Galicia. Concédense en varias modalidades: creación literaria, ensaio e pensamento, investigación, música… O xurado correspondente á modalidade de Artes Escénicas estivo composto este ano por Flor Maceiras, directora da Escola Municipal de Teatro de Narón, gañadora da edición anterior; Carlos Sante, actor, coordinador do proxecto internacional en técnicas de clown Hangar Manicómico; Irene Moreira Fontán, directora en Sala Ingrávida, profesora da ESAD; Antón Lopo, crítico e editor; Begoña Cuquejo, directora escénica e coreógrafa; Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro e Mariana Carballal, secretaría, APCG.

Deixar unha resposta