O novo selo Guindastre Edicións preséntase na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago

Guindastre Edicións presentarase este mércores 5 de decembro ás 18.30 horas na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago. O novo selo editorial bota a andar neste outono coa vocación de dar a coñecer e difundir textos e audiolibros de diferentes autores e autoras dedicadas á escrita, a música e ás artes escénicas para o público familiar.

 

A editorial, dirixida por Celtia Figueiras e Luis Vallecillo, xorde con dúas coleccións diferentes. A primeira delas, baixo o nome de Lui Son, céntrase na música familiar e ábrese con Cantamos? como primeiro título. Trátase dunha obra educativa e lúdica do propio Vallecillo, que emprega a música como vía para xogar e bailar, mentres que as ilustracións e as letras fomentan a imaxinación dos lectores máis novos. Este volume inclúe un CD de música e audio-contos, ademais de pictogramas para facilitar a lectura a persoas con necesidades especiais e prelectores.

Pola súa banda, a colección A Xanela do Maxín, dirixida por Figueiras, adaptará textos de monicreques a contos, procedentes da compañía que leva o mesmo nome, con letra manuscrita e ideados para primeiras lecturas. Iníciase este camiño coa obra Ula Lúa?, da propia Celtia Figueiras que está ilustrada por Marcelo P. Fernandez. O texto recolle o espectáculo do mesmo nome, onde os valores como a tenrura, o respecto ou a solidariedade cobran importancia para levarnos a un mundo onde a violencia non ten cabida.

Con estes dous primeiros títulos, Celtia Figueiras e Luis Vallecillo poñen andar con producións propias un selo editorial que no futuro pretende abrir o seu catálogo a novos creadores/as, músicos/as, ilustradores/as ou dramaturgos/as cuxos traballos teñan como obxectivo o público familiar, a formación en valores inclusivos e especial sensibilidade coa difusión da lectura na primeira infancia e para persoas con diversidade especial.

Na presentación, que está aberta ao público familiar e a entrada resulta gratuíta, participarán Luis Vallecillo e Celtia Figueiras que, ademais de falar tanto de Guindastre coma dos seus dous primeiros títulos, actuarán para dar a coñecer o seu traballo entre as familias e animar con música e narración oral a cativada.

Deixar unha resposta