in

A 20 de novembro

20n |

O espectador como acusado

 | Manuel Xestoso |

A 20 de novembro/ Natasha Lelenco

 

A escola é a institución encargada de socializar ao individuo, de inculcarlle os valores que, supostamente, deberán rexer o trato cos seus semellantes. Pero, na sociedade capitalista contemporánea, tamén é o escenario da colisión entre dous patróns para se enfrontar co mundo. Por unha banda, os principios que se predican, altruístas e solidarios. Pola outra, os que realmente presiden as relacións entre os individuos: o afán de lucro e a competitividade. Esa contradición conduce inevitablemente a unha duplicidade que, no mellor dos casos, desemboca en hipocrisía; no peor, nunha violencia que, con demasiada rapidez, denominamos “gratuíta”. Mais non hai que esquecer que no capitalismo nada é gratis.

O protagonista de A 20 de novembro é un adolescente, Sebastian Bosse, que pretende impugnar esa incoherencia que domina o medio no que se desenvolve e que, en consecuencia, se ve enleado nunha marfallada de reflexións reiterativas e labirínticas que o conducirán a provocar un masacre, disparando indiscriminadamente contra os alumnos e profesores do seu antigo instituto. Asistimos ao seu intento de explicar o que vai facer, dos seus motivos, das súas frustracións. É un monólogo, pero adquire forma de diálogo imposible entre o protagonista e as súas pantasmas.

O conflito entre o individuo e a sociedade é aquí o enfrontamento entre o actor e o público. O primeiro diríxese directamente ás persoas que están sentadas nas butacas, buscándolles a mirada, atribuíndolles un papel no seu drama, interrogándoos sobre a parte de responsabilidade que lles toca na traxedia que se vai desenvolver. Os espectadores da peza transfórmanse en interlocutores silandeiros que non fan máis que acrecentar a consternación do rapaz e reafirmar a súa acusación; representantes desa comunidade que mira para outro lado cando se sinala a incongruencia fundamental que sustenta as súas vidas.

O teatro ten un gran poder de persuasión cando traballa dende a empatía, e esa é a estratexia que escolle o autor para devolverlle a humanidade a un personaxe que habitualmente é presentado como anomalía. O seu deambular polo límite que separa a lucidez da loucura non disimula a extrema sensibilidade que o guía. O seu ofuscamento non lle impide atopar pistas elocuentemente reveladoras das obsesións da sociedade de consumo: como cando denuncia que as palabras máis usadas nela son eu e coca-cola.


Publicidade

Non obstante, é unha posta en escena que o fía todo a interpretación a que contribúe a librar o texto do risco da obviedade. João Pedro Mamede sitúase nun terreo situado entre unha sinceridade case infantil e unha frialdade clínica e analítica, e dota así o discurso da carga de veracidade que precisa para golpear as conciencias sen caer no didactismo.

A deserción de Sebastian Bosse preséntase cunha lóxica esmagadora que non somos quen de desmontar. Cando vai acabar a función, o protagonista pregunta se alguén quere dicir algo antes de que comece a matanza: o silencio do público reflexa o dunha sociedade perplexa e inhabilitada ante a dor que provoca.

 

Foto: Natasha Lelenco | MIT

A 20 de novembro de Lars Norén
Compañía: Artistas Unidos (Portugal)
Dirección: Francis Seleck
Elenco: João Pedro Mamede

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, 21-07-2014
 

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

10560480 10152182688696857 9110423223483593606 o |

Dot

quijote |

En un lugar del Quijote