Teatro da teoría do teatro
| Afonso Becerra de Becerreá |
O teatro é unha experiencia, unha vivencia compartida sublimada. Un encontro no que a actriz principal, a que se separa da comunidade para amplificar a súa presenza a través dunha enerxía expresiva que se move na quietude e no silencio tanto ou máis que no propio movemento do corpo e da voz, manipula o espazo e o tempo para crear unhas imaxes no palco altamente estimulantes na recepción.
Esa parece a cerna do Teatro invisible de Ana Vallés. Teatro da teoría do teatro, entendendo teoría como visión.
Se recuamos ás orixes gregas da palabra máxica “teoría” decatarémonos da súa relación íntima co teatro, xa que o seu significado orixinal é “contemplar”, “mirar”. “Theoros” xungue “thea” (vista) e “horos” (ver). A lenda dinos que “theorein” era observar unha escena teatral e, ao observar, aprehender, aprender, crecer… entrar en…
Ana Vallés invítanos a ver un teatro invisible, un teatro da morte, baixo a advocación de Tadeusz Kantor e de Georges Didi-Huberman. Tamén convoca a Kazuo Ohno, Jane Alexander, Gilles Deleuze, Pier Paolo Pasolini…
Presenzas invisibles que baten as ás polo espazo, que saen como vagalumes da boca, da mirada, dos xestos e dos movementos de Ana Vallés.
Fálanos da inutilidade imprescindible do teatro, da arte, tan inútil e imprescindible como a amizade ou o amor.
Lévanos de viaxe polo mundo dos pensamentos que danzan no seu maxín e que se imbrican, no espazo e no tempo do espectáculo, a través da manipulación de obxectos (o monicreque de papel de estraza creado coas súas mans diante de nós, a composición dun bodegón pictórico tridimensional sobre a vella mesa…), a través dunha coreografía sutil e delicada pero chea de forza, a través dunha palabra monolóxica que se volve diálogo na mirada ao público, nos saúdos, no convite a danzar que lle fai a un espectador que sae a escena, no convite a cear unhas uvas e beber un viño do Ribeiro que lle fai a outro espectador mentres abrollan as palabras e as ideas.
A intersección musical e lumínica, actuada por Baltasar Patiño, tamén nos saca das tebras e colabora nese alumar o invisible: a substancia que nos anima.
Teatro invisible é unha declaración de principios, un encontro artístico directo co público, no que prima a función fática e a dicción filosófica en amálgama de accións escénicas sutís. As ideas corren pola escena mentres as emocións estouran.
Teatro invisible de Matarile Teatro
Creación e interpretación: Ana Vallés
Espazo, iluminación e son: Baltasar Patiño
Festival Internacional de Teatro de Ourense. Antiga Capela do Campus Universitario de Ourense. 11 de outubro, 2014.