in

Ego

Botar a vista atrás

| Manuel Xestoso |

Ego

 

Existe un malentendido de partida: se se nos di que a obra se titula Ego e que a protagoniza un artista poderiamos supoñer que imos lidar cun espectáculo que trata sobre a vaidade e o narcisismo dos creadores, un tópico que adoita dar moito de si. Non obstante, Ego non toca este tema, ou tócao dun xeito moi tanxencial, e o feito de que o protagonista sexa un pintor ten escasa relevancia para a comprensión do conflito. En realidade, non se ve moi ben a necesidade de que o sexa: podería ser calquera outra cousa e a diferenza sería imperceptible. En certo modo, sería máis acaido que fose actor, unha posibilidade que se apunta en varias ocasións ao longo da función.

O protagonista de Ego grávase a si mesmo en vídeo mentres evoca momentos da súa vida que van iluminando distintos aspectos da súa personalidade. O emprego do vídeo remite á autocompracencia e ao solipsismo ao que conduce a hipertecnoloxización da sociedade, pero tamén quere xogar un papel na sintaxe da obra, interrompendo o discurso do protagonista para darlle aire ao monólogo e, ao tempo, incluír o mundo exterior no claustrófobo universo dese misántropo recluído no estudio. Se esas parénteses non fosen tan frecuentes o ritmo da montaxe sairía beneficiado.

O interesante, en todo caso, reside en observar como un ego igual ca tantos outros é percibido baixo unha luz que se empeña en dotar de épica a algo que non a ten. Ou si: a necesidade de crear unha narrativa que lle dea sentido a existencia pode levar a certas mistificacións que están ou non xustificadas nos feitos, dependendo de como se xulguen. En Ego, búscanse as raíces do egocentrismo deste esquivo artista, apúntanse algunhas responsabilidades pero, ao final, non se completa de todo o círculo que relaciona a sociedade en que medrou co seu actual illamento. Neste sentido, non se acaban de pechar os moitos camiños abertos e o que se pretende ambigüidade convértese en indefinición.


Publicidade

Afortunadamente, Fran Paredes consegue crear un personaxe que está por riba do texto. É a súa forma de afrontalo o que lle outorga uns matices que van do patético ao lírico e o que consegue dotar de humanidade a súa ladaíña. Cunha sobria coreografía de accións, algún escintileo de humor negro e un acertado equilibrio entre a mesura e o risco, discute a lexitimidade moral da Igrexa, evoca as pantasmas da droga e pescuda na fraxilidade dos lazos amorosos: un debuxo incómodo dun colectivo que non acaba de dar os pasos precisos para dotar de responsabilidade e confianza a súa emancipación. Talvez un retrato histórico, aínda que podería dar lugar a unha reflexión de maior calado que aquí só logramos albiscar.

 

Ego de Miquel Condal
Dirección: Miquel Condal
Elenco: Fran Paredes

Auditorio Municipal de Vigo, 30 de xaneiro de 2015.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

oc ensaios 17 |

O Crédito

supermarket |

Supermarket