Un fake por América
| Roi Vidal Ponte |
Máis que en escenario, A House in Asia desenvólvese nun set de rodaxe en miniatura: unha tarima de céspede artificial que serve de plató. Ou máis ben é un campo de xogos coa dimensión dun mundo máis pequeno que os Playmobil, a virtualidade violenta do Risk e o realismo do Scalextric e todo se supedita á proxección de imaxes dun novo Super Cinexin.
Hai outro xogo, de varias capas, que se desenvolve simultaneamente na pantalla. Sen tempo a repetir escenas nin a corrixir os erros, o espectáculo xera a estimulante tensión escénica que achega a maxia do directo. Sempre é así, o teatro é case a única arte que se fai e se recibe ao mesmo tempo, nun constante aquí e agora filtrado por ese pacto entre a butaca e o escenario no que aceptamos como serio o que non é máis que xogo e asumimos como verdadeiro o que é pura ilusión. Aquí, o feito de todo se desenvolver na pantalla, de que a proxección e o proxectado cohabiten reflectidos pola liña-espello do ecrán, non fai máis que evidenciar a convencionalidade do feito teatral.
A disertación vén ao caso da aparición dun outro (sub?)xénero teatral, mesmo dunha quebra ontolóxica do que debemos entender por teatral. A obra véndese coa etiqueta de “cinema en directo”, e moitas espectadoras bufan argüíndo que iso non é teatro, pero tamén que para ver cine xa o ven na casa. É aquí onde entra a relevancia do hic et nunc: sería igual de interesante un visionado que obviase a rodaxe in situ? Sería a mostración do xogo sen a súa representación fílmica algo máis que unha práctica infantil?
O lúdico está presente de maneira decisiva, tanto na forma coma nun contido coherentemente artellado. O dispositivo tecnolóxico-visual, alén de sorprender coa súa pericia técnica e o seu arsenal imaxinativo, presenta unha historia desas de principio e final. É a historia da caza de Bin Laden polo exército dos EUA pero que tamén é a da procura do indio Xerónimo: Bin Laden-Xerónimo como arqui-inimigo dun presidente cuxa voz é a de Bush fillo pero que ten a cara do Capitán Ahab encarnado por Gregory Peck no Moby Dick dirixido por John Huston…
Nun divertimento neobarroco, nas capas da historia conviven verdades e mentiras coa transgresión dun mockumental. Esa casa-refuxio, construída nun lugar e replicada noutro continente, da que saen os sucesivos platós a modo de matrioshkas, rima con esoutra estrutura-marco coa que as cámaras e os obxectos, a filmación e o filmado, acadan a profundidade abismal dun escheriano zoom tendente ao infinito.
Chegadas a este punto, con actores hollywoodienses disfrazados de personaxes literarios, con maquetas de paisaxes e unha casa-mundo habitada por diminutos indios e vaqueiros, con tiros de cámara que tratan de disimular o artificio de maneira artificiosa, coa combinación anacrónica e a superposición das múltiples referencias visuais (literatura e videoxogo, cinema e BD, apocalípticos e integrados), cunha banda sonora rapeira e electrizante traducida e contradicida por algún que outro subtítulo mentirán…; obnubiladas por esta fervenza de elementos fílmico-escénicos, non podemos máis que tomar distancia e abrir a boca ante un artefacto de raíz piscatoriana, cuxa finalidade última non está tanto na plasmación da fermosa, dura, profunda e divertida historia como no goce da súa execución.
A House in Asia de Sr. Serrano
Compañía: Agrupación Señor Serrano
Dirección: Agrupación Señor Serrano
Intérpretes: Àlex Serrano, Pau Palacios, Alberto Barberá
Deseño espazo escénico: Agrupación Señor Serrano
Iluminación: Alberto Barberá
Son/música: Roger Costa Vendrell
Indumentaria-caracterización: Alexandra Laudo
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Auditorio do Castelo, 23 de xullo de 2015.