O persoal é político (ou sobre como reconstruírmonos)
| Roi Vidal Ponte |
É o grande tema. O lugar onde a memoria colectiva se esquece de partidismos para asumir unha derrota histórica. Luis Seoane, Castelao, Blanco-Amor, Dieste. Pero sobre todo xente anónima: xente en terra de ninguén. E o teatro non sempre soubo dedicarlle o espazo que procuraba, o lugar que a diáspora merece.
Coma tantas outras de nós, Roi Fernández ten na súa árbore familiar unha póla americana. A motivación persoal levouno a investigar a historia cainita do seu bisavó e o irmán deste. E o que nun primeiro momento quixo ser a reconstrución da vida dun mariñeiro emigrado en Nova Iorque acabará sorprendendo coa épica fundación das primeiras escolas laicas de Galicia. Roi Fernández viaxa ao lugar dos feitos coa idea de gravar un documental sobre a súa familia e regresa, anos despois, con esta obra de teatro sobre a identidade colectiva.
O fílmico e o escénico comparten escenario en intentan unha sorte de fusión. Cun traballoso exercicio de video-mapping, a escenografía coloréase co branco e negro dos documentos pasados e cos píxeles da pescuda presente. Os diálogos e xogos actorais alternan coas informacións que as proxeccións facilitan. Por medio de fragmentos enunciados con diversas tonalidades e estilos, que van da solemnidade sentimental a apuntes de cine mudo, os actores transitan por un bo número de personaxes para reconstruíren o argumento a partir dunha realidade ben dramática. O rescatamento desta pequena historia esquecida é do máis interesante do espectáculo de teatro-documento que nos transporta aos días nos que os irmáns Lourido, inspirados pola pedagoxía libertaria do librepensador catalán Francesc Ferrer i Guardia, participaron na fundación da escola laica Sada y sus Contornos mentres loitaban contra a miseria do soño americano.
A dirección escénica bota man de moitas das técnicas do teatro político de Erwin Piscator, coa proxección audiovisual como indispensable pano de fondo e a imitación corporal das poses fotográficas como translación viva dun pasado estático. Deste xeito, a realidade histórica entra no teatro a través do xogo da recreación, a cámara de vídeo grava imaxes en directo e o elenco esfórzase por conectar coa audiencia. Mais a recepción acusa a seriedade do ton neutral das voces en off e acaba botando en falta algo máis de teatralidade. Fica clara a historia e a intención de ensaiar un documental escénico ou un teatro fílmico, pero a súa presentación adoece dun exceso informativo que impide o entretemento ao se decantar pola frialdade dos datos contrapunteada só en certos momentos pola calidez actoral.
O resultado é, con todo, unha novidade excelente no panorama das novas compañías de noso que busca un lugar propio afastado da estética tradicional sen renunciar a contar unha boa historia. Faino aquí de maneira fragmentaria, documental, poética, híbrida e lúdica. Unha linguaxe na que se recoñece a valía dun selo persoal que aínda ten, iso agardamos, grandes cousas que dicir no futuro do teatro galego máis contemporáneo. Un teatro rebordante de realidade.
Balor na acción dunha cadeira de ArtesaCía.
Dirección, escenografía e vídeo en directo: Roi Fernández
Dramaturxia de Roi Fernández sobre o traballo de Viewpoints e Composición de ARTESACÍA.
Elenco:Laura Villaverde, Somón Piñón, Gustavo Fouce.
Deseño de iluminación: Héctor Pazos, Roi Fernández.
Espazo sonoro: Madamme Cell.
Produción: ARTESACÍAco apoio da Agadic e do Teatro Colón.