Revisión homoerótica e mestiza da tradición
| Afonso Becerra de Becerreá |
Pensar en danza galega, ou mesmo dicir «danza galega», alén da adscrición ás formas folclóricas e tradicionais da muiñeira e doutros paus, implica ir na busca de algo que estea máis alá do simple feito de producir no territorio de Galiza.
Dicir «danza galega» desde unha sensibilidade actual, e considerando a evolución das linguaxes da danza, implica indagar nos elementos icónico-xestuais e coreográficos, sonoros, musicais, lumínicos, escenográficos e de caracterización que se inscriben no contexto identitario galego, dun xeito máis ou menos explícito.
Desde esta perspectiva, Nova Galega de Danza, é un dos selos que máis acerta na resolución da ecuación que o propio nome da compañía anuncia.
A súa última creación, titulada Son (2016), consegue unha deliciosa amálgama na que o virtuosismo dancístico, na execución dos bailaríns, se pon ao servizo dunhas atmosferas que hibridan estilos, nomeadamente a danza tradicional galega, o flamenco e o contemporáneo, pero dentro dunha textura e un ton de afirmación identitaria galega.
A isto contribúen elementos escénicos de significación que se poden asociar ao universo dunha nación atlántica, na que o mar e a pedra se cinguen, igual que as treboadas, os nubeiros, a chuvia, as corredoiras, as foliadas e as festas, as pelexas e os desafíos.
A iconoloxía flamíxera das lapas, que alancan desde os focos e escintilan no palco, entre os corpos seminús dos bailaríns. O crepitar sonoro das chamas roendo na madeira. As cordas e as redes, como evocación dos barcos e dos movementos musculares que implica o seu emprego. O péndulo do inicio, que lembra ao trelo do botafumeiro, oscilando no medio do palco con maxestade. Os caldeiros de lata, onde refrescarse ou lavar as feridas do amor e do combate corpo a corpo destes homes. O son de ferramentas de labranza, legóns, gadañas, martelos, fouces, gubias… mesturados coa zanfona, maila rica polifonía de corda, vento e percusión, casan coa voz en directo de Javier Feijóo (Xisco) e Juan Debel. Un diálogo que irmanda o «quejío» andaluz coa fondura que, nalgúns temas, asume o cante galego, na súa longa vibración penosa ou acesa.
Cómpre salientar o traballo de David Vilariño, dunha ductilidade plástica que roza os lindes do verosímil, para aparecer, por veces, como unha figura extraordinaria, sacada dunha fantasía onírica. A hiper-fragmentación e o control minucioso do movemento, contribúe a unha des-subxectivización que fai desaparecer a persoa para que emerxa a figura totémica, capaz de converterse en alegorías contrapostas, segundo o momento: ora a lubricidade erótica, ora a beatífica levidade anxelical; ora a febleza e a dozura do cativo, ora a violencia e o arrouto luciferino da contenda; ora as eivas, as feridas e a enfermidade, ora a saúde e o pulo incontrolable da vida… Asemade, David Vilariño, consegue que a fisicalidade da súa danza, con reminiscencias moi urbanas, se expanda á expresión facial, sen engadir máscaras ilustrativas. Isto fai que o movemento, de pés a cabeza, discorra no bailarín como se fose un elo espacial que se adapta, enrosca e xunta ao resto de bailaríns, xa sexa nos números máis corais, xa sexa nos dúos.
Son, ademais, comete a fazaña de amosarnos unha revisión homoerótica da tradición, que se ergue mestiza entre o flamenco e o contemporáneo. Nove homes bailando e dous cantores, nalgúns cadros en roupa interior, noutros poñendo saias e rexoubando en parellas, noutros compoñendo e recompoñendo febrís cadros escultóricos.
Os corpos seminús e a intimidade de miradas que se desafían, que se miden, que simpatizan, que se desexan, que enlouquecen… abren un espazo para a superación da vella masculinidade heterosexista e entroncan cun erotismo libre e dionisíaco. Aquel erotismo que está na base de culturas agrarias e mariñeiras, ligado á vizosidade e á exuberancia da paisaxe galega e, por suposto, ligado á beleza das formas e dos movementos que busca un escultor na súa obra. A liberdade e o erotismo da creación artística.
Son de Nova Galega de Danza
Directores artísticos: Jaime Pablo Díaz e Carlos Rodríguez
Director de Escena: Alberto Velasco
Coreografía: Jaime Pablo Díaz, Carlos Rodríguez e Carmelo Segura
Idea orixinal: Carlos Rodríguez
Bailaríns Principais: Jaime Pablo Díaz e Carlos Rodríguez
Bailarín de danza contemporánea: David Vilariño
Bailaríns tradicional galego: Ivan Villar, Francisco Sieira Gonzalez, Adrao Casal, Ricardo Fernández
Bailaríns de danza española: José Alarcón, José Ángel Capel, Alejandro Muñoz
Composición musical: Sergio Moure de Oteyza
Deseño Iluminación e escenografía: Luis Perdiguero
Cante e música: Javier Feijoó «Xisco» gaita, pandeiro e canto. Juan Debel, Cantaor. Albe Faro «A Moura» cante e tarrañolas. Francisco Sieira, Pandeiro. Cordes de Mon, violíns.
Vestiario: Sara Sánchez La morena
Iluminación: Antón Cabado
Son: Victor Tomé / Pachi Baldomir
Teatro García Barbón (Afundación), Vigo. 27 de novembro de 2016