Estrañamento e fascinación da mirada
| Vanesa M. Sotelo |
| Foto: Oleg Degtiarov |
Coa lóxica do estrañamento do soño e o pracer pola perturbación da realidade dentro dunha proposta hiperrealista, a compañía belga Peeping Tom abre as portas do museo no que encadra Moeder, o segundo espectáculo da triloxía formada por Vader (2014) e Kinderen (2018). Dirixida por Gabriela Carrizo e coa asistencia e apoio dramatúrxico de Franck Chartier, Moeder ofrece unha viaxe a partir da figura da nai e un intento imposible por reconstruír as memorias nun mosaico de existencias onde a mirada exterior e a colectiva, a mirada consciente e a inconsciente se superpoñen a través dunha dramaturxia sólida que contén a emoción intelixente.
Co son do último alento dun velorio comeza o sopro das diferentes vidas que habitan o espazo que protagoniza esta Moeder: un museo no que se despregan diferentes tempos e espazos e no que a realidade vai sendo trufada pola irrupción de mundos oníricos e inconscientes. Peeping Tom deseña un dispositivo escénico perfectamente medido onde operan con eficacia a evocación do soño e a evasión da cotidianeidade, onde os diferentes elementos escénicos actúan ao servizo dunha dramaturxia racional que corcose con precisión unha topografía de relacións distantes que os intérpretes executan con virtuosismo e limpeza técnica.
Entre o pranto e o berro. Entre o cry e o crie. Entre o silencio da morte e o berro da vida bascula esta proposta asociativa de relacións subterráneas entre personaxes polisémicas. En Moeder hai unha esencia líquida, inestable e esvaradía dentro dunha concepción global sólida, estable e firme. Neste paradoxo entre a firmeza do fondo e o feble das figuras en desequilibrio que contén, os límites entre as realidades visible e a invisible esvaran, ao igual que esvara a personaxe feminina sobre un chan seco de auga sonora. E é que Moeder amplifica a parte oculta, silenciosa e ignota que nos soporta, sacode e acompaña. Nela, múltiples planos operan ao servizo dun bombardeo constante de estímulos no que o pracer do recoñecemento intelectual se funde coa razón da intuición máis persoal e a apelación a propia biografía de quen mira.
O espectáculo Moeder que Peeping Tom presentou no Centro Cultural de Belém dentro do XXXIV Festival de Almada é un periplo entre texto e movemento, entre música e silencio cara ao territorio do inexplorado. Guiado por personaxes raptadas polo impulso do propio interior, o público asiste a unha proposta de rigor técnico e limpeza plástica que permite asistir con fascinación, entre o familiar e o alleo, a unha paisaxe onde as mulleres afogan en seco, onde os corazóns pintados sangran, onde as enfermeiras son metade monstro e metade anxo, onde as parellas en desequilibrio esboroan, onde unha paisaxe en fráxil equilibrio retrocede, onde as máquinas de café revelan a absoluta soidade dos homes e do ser humano. E todo co amargor que proporciona un elemento fundamental da poética da compañía: un humor escuro que perpetúa o enigma.
Moeder de Peeping Tom
Dirección: Gabriela Carrizo.
Asistencia de dirección e dramaturxia: Franck Chartier
Elenco: Eurudike De Beul, Maria Carolina Vieira, Marie Gyselbrecht, Brandon Lagaert, Hun-Mok Jung, Yi-Chun Liu, Simon Versnel, Charlotte Clamens.
Asistencia artística: Diane Fourdrignier
Sonoplastia: Yannick Willox
Deseño de luz: Giacomo Gorini, Amber Vandenhoeck.
Figurinos: Diane Fourdrignier.
Escenografía: Amber Vandenhoeck.
Festival de Almada. Centro Cultural de Belem. 11 de xullo de 2017.