in

As fronteiras son cicatrices no terreo e poñémolas nós, por Paula Carballeira

asfilhasdodiabo |
| Texto: Paula Carballeira |
| Foto: Susana Neves |

 

En outubro do ano 2015, no marco do Festival Internacional de Marionetas do Porto, estreouse As filhas do diabo da compañía Limite Zero. Tanto o texto como a dramaturxia dese espectáculo a partir de dous contos da tradición común galego-portuguesa, foi da miña autoría, e así comezou unha feliz colaboración que aínda continúa.

Aínda que na miña traxectoria como narradora oral tiven numerosas oportunidades de participar en programacións e festivais de Portugal, a proposta de As filhas do diabo converteuse na primeira encarga dramatúrxica que recibín de fóra da Galiza, onde xa é abondo complicado conseguir traballo como dramaturga nun proxecto de calquera compañía que non sexa a túa. Afortunadamente, esta é unha experiencia máis de creadoras e creadores galegos que nalgún momento recibiron ofertas por parte de compañías portuguesas para formar parte dun equipo, pero non puiden evitar que me sorprendese. A miña sorpresa é por falta de hábito, cando debería estar xa normalizado ese interese en establecer un intercambio tamén na periferia das compañías institucionais, pola urxente necesidade de apertura, distribución e coñecemento dos proxectos teatrais de dúas culturas tan achegadas histórica, cultural e xeograficamente.


Publicidade

Sen dúbida, ás veces a propia supervivencia ocupa a maior parte do noso pensamento creativo. Iso non tería que impedirnos botar unha ollada ao redor e comprender que se cadra alí atopamos respostas á incertidume que sempre nos ameaza. Esforzarnos en procurar, investigar e coñecer; atrevernos a ir máis alá duns pasos tímidos para atravesar o Miño e establecer dunha vez esa irmandade cultural que só traería beneficios e abriría horizontes no teatro galego. Coido que unha parte da responsabilidade recae en iniciativas individuais, ou de pequenos equipos de creación, porque ese é outro ámbito, e non menor, do dinamismo artístico; o que non impide que a visibilidade e o fomento de programacións específicas sexa un eixo fundamental onde artellar estas iniciativas.

A miña experiencia coa Limite Zero foi tan positiva que temos outro proxecto entre mans. Un proxecto que non mira ao pasado, senón ao futuro. A dramaturxia, neste caso, abrangue diálogos, situacións e suxestións escénicas, a poesía e as capacidades expresivas das marionetas en relación co seu manipulador ou manipuladora, as coreografías, un pequeno cabaret que se permite a melancolía e a liberdade da noite para afrontar o día seguinte. E esa sería a metáfora: a saudade dos vellos tempos non pode afogarnos nun encoro, ten que alentar unha nova actitude artística entre Galiza e Portugal, porque en realidade os ríos ou as montañas non son fronteiras, as fronteiras son cicatrices no terreo, e poñémolas nós.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

resipm |

O programa Residencias Paraíso abre ao público os proxectos de 2017

Osorio Biscainho |

Fernando Osorio do Campo e o teatro das Irmandades da Fala