Os espectáculos Redondo, de Caramuxo Teatro e A galiña azul, de Títeres Tanxarina, foron seleccionadas para participar en FETEN, a Feria de Teatro para Niños y Niñas de Xixón, que desenvolverá a súa 27º edición do 18 ao 23 de febreiro de 2018. Esta Feira consolidouse como unha referencia internacional en teatro infantil e familiar.
Redondo, de Caramuxo Teatro, é un espectáculo para a primeira infancia que xoga coas formas. A Mr. Round fascínanlle todos aqueles obxectos redondos, os máis curiosos obxectos con forma de circunferencia. Un día, na súa incesante procura atopará unha asombrosa esfera que agocha historias sorprendentes. Unha proposta visual, case sen palabras, para gozar en familia.
A galiña azul –baseada no conto de Carlos Casares, que fala da diversidade e a solidariedade– proposta por Tanxarina combina traballo actoral con monicreques, unha combinación marca da casa nunha compañía das máis veteranas de Galicia. Dirixida e adaptada por Cándido Pazó, combina en escena técnicas de manipulación de bonecos e a presenza sobre as táboas dos actores Miguel Borines Fernández, Andrés Giráldez Rio e Eduardo Tatán. O espectáculo estreouse no marco da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas do Morrazo, unha vila na que Casares exerceu como mestre durante os anos setenta e moi relacionada, polo tanto, coa traxectoria literaria e vital do autor.
FETEN 2018
FETEN 2018 ofrecerá máis de duascentas representacións. De todas elas serán 8 as estreas absolutas. Ademais, máis de 50 espectáculos seleccionados son posteriores ao 1 de xaneiro de 2017, polo que se trata dun programa que contén propostas de creación moi recente.
A calidade senta as bases dunha selección que confirma cinco compañías más que na súa edición de 2017. As 82 compañías seleccionadas proceden de Arxentina, Bélxica, Francia, Hungría, Inglaterra, Italia, Noruega, Portugal, Uruguai e 15 comunidades autónomas do Estado. Este ano, a organización da Feria rexistrou un dos seus máximos históricos contabilizando a recepción de case 750 propostas de 28 países diferentes. Finalmente, foron 82 as compañías afortunadas, cuxos traballos destacan, como xa é habitual, pola súa calidade. Optarán a diferentes galardóns, entre eles os de Mellor Espectáculo, Dirección, Interpretación ou Espazo Escénico.
As versións máis tradicionais de contos ou da literatura clásica convivirán durante FETEN 2018 “xunto coas propostas de dramaturxia actual que reflicten os conflitos da sociedade do século XXI, aos que os máis pequenos non permanecen alleos”, tal como destaca a súa directora artística, Marián Osácar. Obxectos, burbullas, maxia, teatro xestual, danzas, musicais, espectáculos puros e mestizos cheos de risco creativo e imaxinación serán os protagonistas do novo programa. Ademais, destaca a incorporación das novas tecnoloxías e medios multimedia non só como soporte escenográfico, senón como elemento expresivo e de interrelación cos bailaríns e actores. FETEN invitará ao público a gozar dunha nutrida representación destas novidosas técnicas, que convivirán á perfección coas marionetas de fíos, os títeres de man ou o teatro de sombras máis tradicional.
Este ano o teatro, a danza ou a maxia cederán a vez á música para inaugurar esta vixésima sétima edición da Feira. A Orquestra de Cambra de l’Empordà (Cataluña) será a encargada de abrir este ano o programa de FETEN con Concerto a Tempo d’Umore, o domingo 18 de febreiro.
Esta cita escénica supón un encontro de referencia anual para o gran público que congrega, así como para profesionais de todo o estado, que se acreditan para non perder nada durante seis xornadas. O pasado ano, FETEN celebrou a súa vixésima sexta edición, e reuniu 700 profesionais responsables do sector escénico dirixido á infancia. Programadores, distribuidores e produtores volverán a verse convocados en Xixón para participar, ademais, nas diferentes actividades paralelas, presentacións e reunións que tamén acolle a Feria.