Introdúcense por vez primeira elementos de discriminación positiva para garantir o apoio á produción dun mínimo de dous espectáculos específicos de danza
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia á produción escénica. A convocatoria para 2018 introduce unha importante novidade respecto ás dos anos anteriores, xa que establece un mecanismo de discriminación positiva para garantir o apoio á produción dun mínimo de, polo menos, dous espectáculos de danza. Esta medida, demandada polas compañías dedicadas a este xénero específico, foi acordada coas principais asociacións do sector.
O importe global das axudas é de 650.000 euros, 50.000 máis que na convocatoria do ano pasado. As bases establecen como finalidade destas subvencións o fomento da produción escénica, en calquera das súas disciplinas artísticas, por parte de compañías profesionais con actividade en Galicia cuxas propostas se estreen entre o 1 de abril de 2018 e o 31 de marzo de 2019. Concrétase, así mesmo, que a produción dos espectáculos deberá iniciarse no exercicio de 2018.
Para novas compañías e segundo o número de intérpretes
Mantéñense as catro modalidades das convocatorias anteriores, segundo se trate de montaxes levadas a cabo por compañías de nova creación e que non superen os 20.000 euros de orzamento; espectáculos de pequeno formato (ata tres intérpretes) que non excedan os 30.000 euros; de mediano formato (con entre catro e sete intérpretes) e que non contemplen máis de 60.000 euros de orzamento; e espectáculos de gran formato (compostos por máis de sete actores e actrices, manipuladores, bailaríns ou músicos en escena) e que non rebasen os 80.000 euros.
O obxectivo destas subvencións é favorecer a estrea de novas producións galegas cara á súa progresiva incorporación nas próximas carteleiras de salas, teatros, auditorios e festivais. Insírense, ás súa vez, no programa anual de axudas da Agadic ao conxunto das industrias culturais galegas que, no caso concreto da actividade escénica, se completa coa convocatoria para salas privadas de exhibición –avanzada o pasado día 22– e as destinadas a festivais e a distribución de espectáculos, que serán publicadas nos vindeiros meses.
O prazo de presentación de solicitudes para optar ás subvencións á produción escénica dará comezo mañá e manterase aberto ata o 26 de xaneiro de 2018. As bases, dispoñibles no DOG especifican que as solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do portal https://sede.xunta.gal e que a presentación electrónica é obrigatoria para as persoas xurídicas e as súas representantes.
En 2017, un total de 31 compañías profesionais galegas obtiveron subvención por esta canle para producir os seus últimos espectáculos escénicos co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Foron, en concreto, 12 montaxes de empresas de recente creación, outras 12 de pequeno formato, seis de mediano formato e unha de gran formato.
A convocatoria no DOG pode consultarse aquí.