As formacións artísticas galegas de carácter profesional teñen de prazo ata o 28 de febreiro para achegar propostas de teatro, danza, música, narración oral, novo circo ou maxia para a carteleira que se desenvolverá do 15 de abril ao 30 de setembro
A Xunta de Galicia abre desde hoxe e ata o 28 de febreiro o prazo de inscrición de espectáculos para configurar a programación do VI Cultura no Camiño, circuíto que se desenvolverá do 15 de abril ao 30 de setembro en numerosos concellos das rutas xacobeas. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia volven colaborar na organización desta iniciativa para contribuír á dinamización cultural destas localidades nos meses de maior afluencia de peregrinos e visitantes.
Serán os programadores culturais de cada un dos municipios que se adhiran a esta sexta edición os encargados de configurar as súas carteleiras a partir do catálogo de propostas que se porá a súa disposición a través de www.galescena.gal, o web que mantén a Agadic para a xestión das súas redes de espectáculos. A través deste mesmo portal, poderán achegar as súas propostas de teatro, danza, música, narración oral, novo circo ou maxia aquelas formacións artísticas galegas de carácter profesional interesadas en participar no circuíto.
A Xunta colabora así coa actividade cultural dos municipios polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago: Francés, de Fisterra-Muxía, do Sueste-Vía da Prata, Portugués, Portugués pola Costa, Inglés, Primitivo, do Norte, do Mar de Arousa e Río Ulla e de Inverno. En 2017, máis de 75.000 espectadores asistiron ás 371 actuacións escénicas e musicais desenvolvidas nos 98 concellos asociados.
Como nas anteriores edicións, o financiamento das actuacións realízase de xeito compartido entre a Administración autonómica e as locais, en diferentes porcentaxes de acordo co número de habitantes de cada localidade. Deste xeito, dáselle resposta á demanda cultural dun público diverso –os propios cidadáns, así como visitantes e peregrinos– que poderá gozar de concertos e de montaxes de moi variados xéneros e formatos. Ao tempo, contribúese á dinamización da contratación dos espectáculos producidos de xeito profesional en Galicia.