Crítica

Autobiography

Códigos e rupturas

| Manuel Xestoso |
| Foto: Andrej Uspenski |

 

Toda biografía é unha ficción, sen excluír as autobiografías. Teoricamente, Wayne McGregor baseouse na secuenciación do seu propio xenoma para proxectar Autobiography, e inspirouse nos vinte e tres pares de cromosomas resultantes para realizar vinte e tres escenas que, sometidas a un algoritmo informático, se ordenan de forma diferente cada noite, de xeito que o espectáculo sempre é diferente en cada función. A idea que subxace é que cada célula do noso corpo contén todo o noso pasado e mesmo podería predicir o noso futuro, o cal podería abrir a porta a ese determinismo biolóxico (defendido con paixón por científicos como Edward O. Wilson) que xustifica fenómenos tan desagradables como o racismo, o machismo ou, en xeral, a desigualdade social.

Afortunadamente, o espectáculo creado por McGregor móvese máis cara ás teorías que contemplan a evolución como unha interacción entre os xenes e o medio, no caso dos humanos entre a herdanza xenética e o medio social. Ou entre a formulación teórica dunha coreografía e a práctica dos bailaríns. O máis interesante de Autobiography responde, precisamente, a esa interacción entre técnica e experiencia: cada unha das seccións aborda un elemento diferente da vida humana –mundo, natureza, nutrición, instinto, traballo, sono…–, que, aínda renunciando a toda narrativa, non prescinde da figuración, suxerindo así a posibilidade de historias que poderían atinxir, en certa medida, a calquera de nós.

O léxico de McGregor é eminentemente contemporáneo, pero a súa sintaxe é clásica. Dende o primeiro número, “Avatar” –que lembra a súa coreografía de 2009, Limen– decatámonos de que a rapidez doutras coreografías súas esta aquí matizada por un sentido do íntimo que suaviza a forza sen renunciar a unha esixente precisión técnica. A partir de aí, a sucesión de dúos, tríos e números nos que participa todo o corpo de baile conducen cara a unha poética espacial –esplendidamente enmarcadas pola iluminación e, sobre todo, pola música de Jlin– que revela a experiencia humana como un xogo de impulsos e inercias que nos aproximan e nos afastan: de códigos que se respectan e se rompen, dando lugar a múltiples combinacións.

Esa deconstrución do clásico permite abalar entre o brisé volé e a imitación do simio, o cal lle outorga un sentido a esa comprensión do corpo como arquivo que se deriva da exposición. E todo é posible, obviamente, grazas á excelencia dos bailaríns, que executan cunha abraiante mestura de experiencia e invención: a liquidez de certas pasaxes contrasta coa axitación eléctrica dalgunhas rupturas do código clásico onde a pegada de Merce Cunningham resulta máis que evidente.

Toda esa inventiva e intelixencia coréutica, xunto a unha produción impecable, crean un espectáculo ateigado de interese e de momentos extraordinarios, aínda que algunhas decisións operan en contra da profundidade que podería ter acadado. A aleatoriedade coa que se presentan os números, por exemplo, non beneficia o ritmo en absoluto –polo menos na combinación que vimos a noite da función do GUIdance, xa que todas son diferentes– e desorientan bastante a lectura que se podería facer da totalidade. E as crípticas alusións ao que parecen ser experiencias persoais, réstanlle calado e consistencia ao relato.

Mais sempre cabe apreciar a rigorosa tentativa de explorar a arquitectura da experiencia humana, a penetrante beleza que pode emerxer da súa observación.

 

Autobiography de Wayne McGregor

Concepto e dirección: Wayne McGregor
Coreografía: Wayne McGregor en colaboración cos bailaríns
Elenco: Rebecca Bassett-Graham, Jordan James Bridge, Travis Clausen-Knight, Louis McMiller, Daniela Neugebauer, Jacob O’Connell, James Pett, Fukiko Takase, Po-Lin Tung, Jessica Wright
Música: Jlin
Escenografía e proxeccións: Ben Cullen Williams
Deseño de iluminación: Lucy Carter
Vestiario: Aitor Throup
Dramaturxia: Uzma Hameed

GUIdance – Festival de Dança Contemporânea. Centro Cultural Vila Flor, Guimarães. 1 de febreiro de 2018.

Ficha artística

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos