A Deputación e o Concello da Coruña acordan o cambio na xestión do Teatro Colón que pasará o vindeiro 2 de xullo a ser municipal, integrándose no Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). O presidente e a vicepresidenta da Deputación, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín Rei e o alcalde e concelleiro de Culturas da Coruña, Xulio Ferreiro e José Manuel Sande deron conta esta mañá dos termos do acordo.
A Deputación da Coruña cederá ao concello a xestión do Teatro Colón por un prazo de dous anos, prorrogables por outros dous, e fará unha achega anual de 500.000 € para sufragar os gastos de xestión e programación. A institución provincial reservarase trinta días de uso e formará parte da comisión e seguemento da programación do centro cultural. Son estes algúns dos puntos que inclúe o acordo de cesión de xestión que hoxe fixeron público en roda de prensa o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro e como responsables das áreas de Cultura das dúas institucións, a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei e o concelleiro José Manuel Sande.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mostrou a satisfacción polo acordo despois dun longo e complexo proceso administrativo. “O resultado ten unha mensaxe clara para a cidadanía que é o acordo de dúas institucións, con gobernos de distintas forzas políticas e iso si que é nova política”, dixo González Formoso.
“Coa cesión da xestión estase a defender o mellor para a poboación e conséguese que dous equipamentos culturais a cen metros de distancia non teñan que competir entre eles, converténdose ademais nun centro de cultural de referencia non só local, senón metropolitano e provincial”, defendeu o presidente da Deputación da Coruña na súa intervención.
Pola súa parte, a vicepresidenta e deputada de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, inseriu a cesión de uso do Teatro “dentro dun acordo de goberno en que se determinaba con clareza as competencias da Deputación, entre as que non se atopa a xestión dun teatro”. Goretti Sanmartín defendeu que “o normal é que exista unha planificación por parte do concello da programación cultural e que se insira na rede pública de centros da cidade”.
A deputada responsable da área de Cultura adiantou os temos do convenio que se fará efectivo a partir do vindeiro 2 de xullo e que suporá a achega de 500.000 euros por parte da Deputación da Coruña coa reserva de trinta días para “concellos e entidades que o soliciten co fin de servizo ao tecido social que viña facendo alí actividades culturais”. Goretti Sanmartín anunciou a creación dunha comisión de seguimento da programación que, segundo dixo, “velará pola continuidade na aposta pola cultura galega e a promoción da nosa lingua e pola programación de espectáculos de calidade”. Aplaudiu, neste sentido, o acordo institucional da Deputación e do Concello que, segundo dixo, “tiña que ser un exemplo de actuación para o ben común” ao tempo que lamentou que non se produza noutros casos como “coa Consellaría de Educación con quen solicitamos unha xuntanza para tratar o tema dos conservatorios municipais sen ter ningunha resposta”. Valentín González Formoso apuntou neste sentido a situación dos dous centros de menores da provincia a cargo da Deputación, “unha situación única de centros desa natureza que non depende da administración autonómica”.
Vocación metropolitana e mellor coordinación cultural
“Este é un día para felicitarnos porque demostramos que cando as institucións colaboran lealmente iso reverte no conxunto da cidadanía”, dixo o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que situou o acordo no conxunto doutras actuacións de colaboración entre a Deputación e o Concello. “Son múltiples as vías de colaboración e quero agradecer esa disposición a colaborar co Concello da Coruña”, sinalou. “Este teatro ten vocación metropolitana e iso tamén se está a entender desde a Deputación”, engadiu Ferreiro que anunciou a intención de darlle impulso á programación cultural da cidade por medio dun acordo de “dous anos anos que ten vocación de continuidade”.
O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, anunciou que o Teatro Colón será o quinto recinto que se xestione a través do IMCE e terá vocación, en especial, de promocionar músicas e públicos novos no que definiu como unha “reorganización dos recintos con identidade diferente”. Indicou tamén que o proceso de cesión vai unido a outras actuacións como “cobertura de persoal do IMCE e designación dun director que vai reforzar a entrada do Teatro Colón na rede de recintos culturais”.
O Teatro Colón, integrado no Pazo Provincial, foi adquirido pola Deputación da Coruña en escritura formalizada o 22 de abril de 1997, iniciándose un proceso de rehabilitación integral que remataría co edificio preparado para o seu uso a mediados do ano 2005.
O seguinte ano acórdase a xestión indirecta do Teatro Colón por medio da adxudicación dun contrato de concesión administrativa, modelo que se prolongaría, en dous períodos, até o pasado 28 de maio de 2017. Unha vez rematado, e despois dunha breve paréntese necesario para a elaboración do inventario e para accións de mantemento, desde setembro de 2017 é a Deputación da Coruña quen se puxo á fronte da xestión do centro cultural, contratando os servizos para o desenvolvemento da súa programación, nunha etapa que rematará o vindeiro 2 de xullo en que pasará a mans do Concello da Coruña.