in

Compostela celebra o Día Internacional da Danza

sipudierahablardeesto |

O Concello de Santiago celebra o Día Internacional da Danza con dous obradoiros e cinco espectáculos que se ofrecerán do 26 de abril ao 5 de maio no Teatro Principal, o Auditorio de Galicia e o Centro Xove da Almáciga.

A bailarina e coreógrafa Janet Novás abre a programación o xoves, día 26 de abril ás 16.00 horas, co obradoiro O corpo ocupado no Teatro Principal. A participación neste taller, de balde e limitada a 20 prazas, esixe inscrición previa no enderezo electrónico [email protected]. O obradoiro de Janet Novás forma parte das actividades do proxecto europeo Wom@rts, que coordina o Auditorio de Galicia. Este proxecto desenvolvido con fondos de Europa Creativa e no que participan institucións doutros nove territorios europeos, ten por obxecto promover a presenza igualitaria das mulleres na cultura e os circuítos de distribución artística.

Ao día seguinte do obradoiro, o venres 27 de abril, Novás leva ao Teatro Principal o espectáculo Si pudiera hablar de esto no haría esto, unha peza coproducida polo Festival de Otoño en Primavera da Comunidade de Madrid, o Teatro Pradillo, Escenas do Cambio e Festival BAD Bilbao. En Si pudiera hablar de esto no haría esto, a artista entrégase ao xogo co corpo, co tempo e o espazo que a arrodea para compartir sensacións, iniciar un camiño a través das súas experiencias e necesidades de expresión, nunha peza na que a acción, a entrega o compromiso e a responsabilidade se volven imprescindibles.

O sábado 28 de abril ás 18.30 horas, a compañía galega Entremáns presentará Gaia no Teatro Principal. Tráase dunha peza didáctica para público familiar coa que achega a pequenas e pequenos a importancia do coidado ambiental de forma visual e imaxinativa. As entradas para o espectáculo teñen un prezo de 4 euros e existe a posibilidade de mercar un bono familiar de 4 entradas por 12 euros.

Xa o domingo, 29 de abril, a Banda Municipal de Música de Santiago súmase a Asociación de Danza Alfaia e á Academia Lodanzas para ofrecer un espectáculo conxunto que encherá de música e movemento o escenario do Teatro Principal. Será a partir das 12.30 horas e contará co alumnado de ambas escolas coordinados por Paula Quintas, Marta Alonso, Yolanda Paz, Lucia Cameselle, e Sergio Perol, profesores de Danza Alfaia, e Loli Fojón, profesora de Lodanzas. Casiano Mouriño será o encargado de dirixir á banda nun programa musical que combina pezas de A. Reed, I. Chaikovski, A. Khachaturian, E. Whitacre, G. Miller, K. Vlak, D. Shostakovich e J. Kander. A entrada para este espectáculo é libre até completar aforo.

Ao tempo, o Centro de Danza e Artes escénicas Can Cun Quinqué, en colaboración coas diferentes escolas e centros de danza de Santiago de Compostela, completa a celebración na Alameda cun espectáculo para todos os públicos.


Publicidade

O mesmo domingo á tarde, Nova Galega de Danza levará o Auditorio o seu espectáculo Son. Unha peza que fala do encontro co corpo e co acto creativo, e que convida a quen baila e a que mira a ficar aberto ao cambio. Dirixida por Jaime Pablo Díaz e Carlos Rodríguez, a peza conta con bailaríns de danza tradicional galega, danza española e danza contemporánea.

Pasado o día 29 de abril, os festexos do Día Internacional da Danza esténdense unha semana máis. O venres, día 4 de maio, terá lugar un obradoiro de Break Dance co bailarín e coreógrafo arxentino Dani Panullo. Impartirase a partir das 18.30 h no Centro Xove da Almáciga e, a participación é de balde, previa reserva no enderezo [email protected]

Ao día seguinte, o sábado 5 de maio, a Dani Pannullo Dancetheatre Co. estará a presentar no escenario do Principal o seu espectáculo Avalanche. Interesado nas novas formas de deporte urbano que agroman hoxe nas cidades, Pannullo inclúe nesta peza unha novísima modalidade de control do movemento que se sitúa entre a práctica do deporte e certo virtuosismo; trucos, creatividade e estilo convertidos no escenario en poesía. Esa “forma máis de danza”, segundo o seu director, que é o fútbol free-style. Como xa fixera anteriormente con b-boys, skaters, parkour, traceurs, beat-boxers, a compañía intenta elevar estas linguaxes aos escenarios cultos, buscando a aceptación de novas audiencias.

O Día Internacional da Danza foi establecido pola Unesco en 1982, atendendo unha iniciativa do Comité Internacional de Danza, pertencente ao Instituto Internacional de Teatro (ITI/UNESCO). Para celebrar a danza elixiuse o 29 de abril, por ser o natalicio de Jean Georges Noverre, innovador e estudoso desta arte, mestre e creador do ballet moderno.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

XVLugomaxico |

XV Semana Internacional de Maxia en Lugo-Lugo Máxico

MVMDepo |

A programación teatral do Ano da Lingua leva a María Victoria Moreno por toda Pontevedra