in

Loló e mamá

transferir |

Cambio de costumes

| Manuel Xestoso |

 

Os costumes cambian e, daquela, as comedias de costumes deben mudar de aspecto. Non se pode contar do mesmo xeito o século XX ca o XXI porque os papeis xa non se interpretan do mesmo xeito: os sentimentos son universais pero maniféstanse coas súas particularidades dependendo do lugar e do espazo. Esther Carrodeguas semella moi consciente de que ese xénero tan inxustamente vilipendiado, a comedia de costumes, responde a dúbidas e inquedanzas compartidas por toda a sociedade e que o único que se precisa para enaltecelo é narrar o lance coa música que esa sociedade quere escoitar.

A obra comparte cos clásicos deste xénero a ambición de describir a vida cotiá dunha época e non esquece que a ironía é a ferramenta máis acaida para manter as distancias co descrito. Loló e mamá describe a peripecia dunha muller que, a piques de alcanzar a idade da xubilación, queda no paro e decide instalarse na casa da filla.

O conflito vén polo lado da incompatibilidade de dúas formas de vivir, pola aparente disparidade de temperamentos que deben amoldarse a unha convivencia máis ou menos obrigada. A sátira e a reflexión aparecen nos flash-backs ata a infancia da filla, que amosan a simetría na inversión dos papeis de protectora e protexida. E claro, todo leva cara á vella pregunta sobre que cousa significa a familia e sobre que papel desempeña nunha sociedade tan individualista coma a nosa. As familias desestruturadas, ao fin e ao cabo, non son máis que unha combinación de persoas abaneadas por problemas afectivos, económicos e laborais.

O que lle outorga pegada a Loló e mamá é combinación da sintaxe contemporánea empregada pola autora e o encanto natural que as intérpretes son quen de transmitirlle ás dúas personaxes. Son dúas formas de contar unha historia que se cruzan dun xeito fluído, permitindo que as personalidades se vaian desvelando con desenvoltura. O empeño en mostrar caracteres femininos resoltos e autoconscientes, por outra banda, permite demostrar a dificultade de establecer relacións equilibradas cando posúes un ego hipertrofiado (a nai) ou unha autoestima damnificada (a filla). O humor, como non podía ser doutra forma, engraxa a unión entre o grave e o lixeiro, entre o mundano e o importante.


Publicidade

Non obstante, a escrita de Carrodeguas adoita funcionar máis pola vía do poético –furando e afondando nas situacións– que pola do narrativo –desenvolvéndoas nun esquema expositivo clásico. Iso provoca, neste caso, que o último tramo da función se recree demasiado no sentimental, alongando en exceso o efecto conseguido anteriormente e rozando perigosamente o afectado.

Iso non impide que o público poida contemplar un retrato cáustico, aceirado e ben interpretado sobre o egoísmo imposto pola sociedade moderna, sobre o debilitamento das redes familiares e, fundamentalmente, sobre a ambigüidade dos afectos.

 

Loló e mamá, de Esther Carrodeguas

Dirección: Esther Carrodeguas
Elenco: Stephy Llaryora e Josi Lage.
Compañía: De Ste Xeito Producións.
Iluminación e son: Javier Quintana.
Vestiario: De Ste Xeito Producións.

Estrea no Auditorio Municipal de Vigo. 20 de abril de 2018.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Motesmo2018 |

XXII Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo

redondela2018 |

Xa se coñece o programa do XIX Festival de Títeres de Redondela