A Ópera de Budapest suspende o musical ‘Billy Elliot’ tras unha campaña homófoba que asegura que a obra ‘incita á homosexualidade’ aos mozos. A campaña foi iniciada por un medio de comunicación próximo ao goberno de Viktor Orbán.
A Ópera de Budapest, non obstante, desmente que as funcións fosen canceladas pola campaña mediática, e atribúe a suspensión ao descenso do interese entre o público. No seu web aínda se poden adquirir entradas para o espectáculo nos días vindeiros.
Un documentario sobre Rudolf Nureyev descobre 16 minutos de metraxe inédita. A maioría das imaxes amosan obras modernas creadas con coreógrafos como Martha Graham. O filme Nureyev: All The World His Stage será estreado en setembro. Nel, hai secuencias de danza contemporánea coreografiadas por Russell Maliphant, que contan a historia onde non hai ningún material de arquivo.
‘At home in Gaza and London’ é un proxecto no que artistas de Londres e Gaza actúan simultaneamente en directo no intento de conectar persoas que viven baixo bloqueo en Gaza. O proxecto explora tácticas de supervivencia e impulsos creativos mentres que ao tempo “celebran,a través da innovación tecnolóxica, o lanzamento temporal dun espazo de traballo, un espazo de xogo, sen fronteiras”.
Os artistas utilizarán a proxección de vídeo como pano de fondo para simular camiñar entre as casas e as rúas, e interactuar coma se estivesen na mesma sala.
Este é o web do proxecto:
http://athomeingazaandlondon.com/
O pasado día 10 de xuño entregáronse os Premios Tony, os meirandes galardóns do teatro dos USA. O musical The Band’s Visit foi o gran gañador dunha noite chea de referencias políticas e de críticas á administración Trump. Aquí podedes ver a lista completa de premiados:
https://www.tonyawards.com/en_US/nominees/winners.html
Unha exposición organizada pola Bibliothèque nationale de France e a Opéra National de Paris explora as diferentes facetas da relación de Picasso coa danza, entre a vida da troupe e a investigación creativa, entre belas artes e entretemento en vivo. Do 19 de xuño ao 16 de setembro de 2018 no Palais Garnier.
A danza sempre foi parte da vida do pintor, pero esta paixón desenvólvese plenamente cando, na década de 1910, comezou a colaborar cos Ballets Russes de Serge Diaghilev, nos que foi introducido por Jean Cocteau. É tamén no seo deste grupo que atopará a súa futura esposa Olga Khokhlova. Participará nunha ducia de producións de ballet como decorador e deseñador de vestiario. A frecuencia de todos estes contactos inspirará tamén moitos debuxos.
Dende o día 22 e ata o próximo 6 de xullo, desenvólvese o festival Montpellier Danse, unha das principais citas europeas da danza contemporánea. Este ano, con figuras como Anne Teresa De Keersmaeker, Akram Khan, Trisha Brown, Sylvain Huc ou o Nederlands Dans Theater. Máis información na páxina oficial do festival: