Casilda Alfaro e Adrián Ríos presentan este mércores 4 de xullo, ás 00.30, no Salasón, Silda & Hadrián, unha micropeza escrita por Manuel Lourenzo e dirixida por Salvador del Río e na que conflúen dúas xeracións e dúas formas de ver o mundo e o teatro. Conversamos cos dous intépretes do Morrazo para coñecer un pouco máis sobre este proxecto que convida a reflexionar sobre o oficio actoral.
|Vanesa M. Sotelo|
Que é e como nace Silda & Hadrián?
ADRIÁN.- Nace con Manuel Lourenzo durante o Festival Internacional de Outono de Carballo ao descubrir que Silda e mais eu nos coñeciamos desde había tempo. A el fíxolle ilusión atopar a dúas xeracións dispares no tempo que estaban conectadas a través do teatro e aos poucos días recibín no meu correo un texto como homenaxe a esa descuberta. Manolo escribiu unha pequena parodia para os dous como un agasallo. Tanto a Silda como a min dábanos mágoa que ese detalle quedase na bandexa de entrada do correo e atopamos na Mostra de Cangas o espazo ideal para darlle forma. Sabemos que é unha parodia e que é unha peza moi breve pero que agocha certa complexidade. Nela está o encontro entre dúas xeracións, entre dúas formas de ver o teatro: o dunha actriz que leva moitos anos máis traballando nisto e un actor que comezou nunha etapa diferente e con outros referentes. O que se reflicte no texto é ese encontro desde o amor, desde o cariño, desde o coñecemento e desde a amizade.
CASILDA.- Silda & Hadrián ofrece dúas formas distintas de ver o teatro, de ver o mundo, de ver a vida e de ver o amor. É unha parodia que reflicte eses dous mundos tan diferentes de dúas persoas que se aprecian, que se coñecen moito, que son da mesma zona: el é un galán e ela é unha muller que o observa desde a fiestra do Tostadeiro (bar), que segue a súa traxectoria, que vai a todas as funcións. Ela é a súa espectadora fiel pero tamén é actriz.
ADRIÁN.- É unha relación moi bonita que garda un paralelismo coa realidade. Eu comecei neste mundo grazas a Casilda: foi a miña mestra durante dous anos e axudoume a preparar as probas de acceso para a ESAD. Ela foi a que me deu o empurrón final para meterme no camiño da interpretación e o texto agocha tamén esa idea de querer ver que estamos facendo agora.
Falades de dúas formas de ver o teatro por parte dos personaxes. Cales son eses modos de ver?
ADRIÁN.- No meu caso, no personaxe que escribe Manolo identifico esa xeración actual da ESAD na que hai moitos actores e actrices novos que empezan a ver o teatro doutra forma: intérpretes de método, que beben dun montón de libros, con acceso a unha chea de coñecementos e que contrastan cunha xeración anterior de actores e actrices que traballaron e curraron moito pola súa conta para acceder ao que querían. En Hadrián vexo esa parodia do abanderado das novas xeracións que defenden o método por riba de todo e que ven ás anteriores xeracións como algo rancio ancorado na súa veteranía.
CASILDA.- No caso de Silda, ela o que lle reprocha a Hadrián é que non asuma o talento que ten. A peza fala máis del que dela xa que ela é unha observadora do actor, é a súa seguidora fiel.
Deixando agora os personaxes da peza e pensando na experiencia individual que tedes, cal é a vosa perspectiva sobre o traballo actoral neste momento?
CASILDA.- Desde o meu punto de vista máis persoal, como son muller e teño os meus anos, a miña perspectiva é desoladora, brutal, sen horizontes. Hai unha falta de oferta de personaxes femininos tanto a nivel teatral como audiovisual. No caso do audiovisual, cantos personaxes femininos de máis de 50 anos hai? E non estou falando de que sexan interesantes ou que teñan unha certa historia. Podes pretender facer algún episódico ou algunha trama de tres capítulos e pouco máis e sempre vai ser para unha personaxe moi maior. Por outra parte, eu teño compañía pero tal e como está o panorama teatral en Galicia non podes asumir riscos económicos porque non recuperas o investido. Aínda que non son pesimista, o horizonte que vexo si que o é. Levo moito tempo traballando e aprendendo moito dando clases na Escola Municipal de Cangas e na Aula de Teatro da Universidade, pero vexo que como actriz se me vai acabando o tempo e parece que é algo que teño que asumir.
ADRIÁN.- No meu caso, eu teño que dicir que me sinto afortunado por nacer -por desgraza- neste mundo patriarcal no que sei que vou ter máis opcións que as actrices -algo co que non estou de acordo. Síntome tamén afortunado polo contacto con Teatro de Ningures e por poder observar desde dentro a traxectoria dunha compañía de aquí que loitou moito para ter un lugar con moita dignidade e que garda tanto traballo detrás. Por outro lado, para min tamén é unha sorte ver toda esa xente con 18 e 19 anos que di que quere ser actor ou actriz e ten unha escola en Vigo para formarse sen ter que marchar fóra. No que respecta ao propio oficio, creo que se non tes unha vocación de traballar dun xeito constante e de estar pelexando por acadar un oco, o esforzo vai ser absurdo. Neste momemnto, vou facer 28 anos e, a día de hoxe, podo sentirme afortunado por facer varias cousas serias e que me están dando pé a subir chanzos. Teño que estar moi agradecido pero desde logo se non me sigo movendo, se non sigo buscando opcións, se non penso en Madrid ou Barcelona, se non coñezo outros mestres e outras disciplinas teño claro que non vou chegar onde quero.
Segue habendo que marchar e saír fóra?
ADRIÁN.- Si. E será algo que haberá que facer de por vida aínda que haxa escolas. Ten que haber esa inquedanza por explorar e por seguir medrando. Eu aposto por un teatro en Galcia. Galicia ten unha canteira espectacular e con moitos referentes dos que beber. E aposto por unha convivencia entre xeracións, aínda que coas polémicas institucionais se crean discrepancias e loitas entre compañeiros que temos que entender que son unha vía pola que non imos chegar a ningún lado. Teriamos que facer un exercicio de reflexión sobre a convivencia entre as persoas que nos ensinaron e que nos serven de referencia e os que somos máis fillos de métodos e de escolas. É preciso facer unha reflexión sobre a importancia da convivencia e a unión ou estaremonos matando entre nós e acabando coas opcións de futuro.
SILDA.- Creo que a convivencia é moi necesaria. Desde que saiu a primeira promoción da ESAD pregúntome porque non hai unha relación natural? E outra pregunta que me fago é por que non podo seguir estando en activo cando teño a maleta tan chea de experiencias? Non pode ser que con cincuenta e moitos anos teñas que pensar en retirarte porque creo que é xusto cando podes seguir aportando moitísimo.
ADRIÁN.- E tanto dos éxitos como dos fracasos, esa experiencia da que fala Silda é un regalo como o que nos fixo Manolo co seu texto.