in

8 novidades en libros de Artes Escénicas

libros0946 |

 

Dramturxias |Dramaturxia Galega Actual, A Feira Edicións.

Un volume que recolle catro obras: Dramaturxia das Mulheres (Inherente Teatro), Tras Tannhäuser (Ernesto Is), Loló e Mamá (Esther F. Carrodeguas) e A enterradora (Miguel Sande), esta última gañadora do I Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual, convocado pola compañía Feira do Leste, que é tamén a responsable desta edición. As obras aquí publicadas, recollen temáticas de sempre e de agora pero contadas dende perspectivas actuais e orixinais. Cabe sinalar a fonda honestidade destas creacións que, sen premeditación no seu compendio para este volume, coinciden en outorgar un papel central ás personaxes femininas.

 

 

despoisdasondas |Ernesto Is, Despois da ondas, Deputación da Coruña.

Despois da ondas é a obra coa que Ernesto Is gañou o premio Rafael Dieste de textos teatrais de Cultura da Deputación da Coruña. A obra leva de novo á escena a figura da actriz María Casares (A Coruña, 1922), unha das grandes figuras do teatro europeo, exiliada en Francia, nacida na Coruña e protagonista dun texto que mestura realidade e ficción para recuperar a memoria dunha figura histórica que volve ao seu espazo natural: o teatro.

 

 

DivinasPalabrasRevolution |Manuel Cortés e Xron, a partir de R. M. Del Valle-Inclán. Divinas Palabras Revolution,  Edicións Positivas / Xunta de Galicia.

A versión en galego da obra teatral de Valle-Inclán Divinas Palabras realizada por Manuel Cortés e Xron para o espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) Divinas Palabras Revolution. Traxicomedia de aldea global é obxecto do terceiro número da colección editorial O Papel do Teatro, creada para darlle difusión aos textos das producións propias da compañía pública galega. Trátase dunha edición de perto de 80 páxinas, con fotografías a cor que reproducen algunhas das escenas da montaxe estreada polo CDG o pasado 12 de abril no Salón Teatro de Santiago baixo a dirección de Xron.

 

 

poesiaRoi |Roi Vidal Ponte, Poesía, Difusora de Letras, Artes e Ideas.

Con Poesía, Roi Vidal gañou a duodécima edición do Premio Abrente de Textos Teatrais. O xurado daquel premio destacou que “é un texto valente, actual, que aborda a sexualidade de forma aberta e sincera, onde os corpos teñen voz e rompen cos estereotipos e roles sexuais asumidos socialmente” e subliñaba “o coidado e adicación á escrita evidenciada no texto, tanto no coidado da linguaxe coma no traballo documental que nutre á obra dun cúmulo de referencias moi atinadas”. Ademais, destacou que Poesía propón unha estrutura en tres partes moi interesante de cara a unha posta en escena polas múltiples opcións que formula empregando citas, accións e palabras.

 

 

QueizánLembranzas |Maximino Fernández Queizán, Lembranzas da Arte Escénica, Deputación de Pontevedra.

Un libro no que o actor e dramaturgo Maximino Fernández Queizán fai un percorrido, desde a óptica profesional e persoal, pola historia do teatro en Vigo. Lembranzas da arte escénica está escrito en primeira persoa, a modo de autobiografía profesional, e vai dando conta do nacemento e desenvolvemento de diversos proxectos artísticos, non só da cidade de Vigo, senón tamén a nivel de país e mesmo sobre estadías no estranxeiro, como a de Londres ou a de Amsterdam, cidade na que o autor se instalou no verán do ano 1972. Maximino Fernández Queizán, recoñecido seguidor e experto na obra de Blanco Amor e de Valle Inclán, exerceu a dirección de máis de cincuenta representacións, que acompañando a súa faceta de actor e de editor dan mostra da evolución dun teatro en corenta anos do pasado século e nos comezos do actual que se plasma neste libro.

 

 

ConfioteBecerra |Afonso Becerra de Becerreá, Confío-te o meu corpo, Através Editora.

O logocentrismo, ou preponderancia da palabra versus teatro, é un vello debate que afonda as súas raíces nunha recusa do corpo, herdada das relixións, principalmente das monoteístas: recúsase mostrar ou exhibir o corpo en movemento e en relación a outros corpos. Non é gratuíto que, até non hai moito tempo, o teatro fose considerado unha pseudoprofesión de chulos, putas e maricóns, algo que non requiría unha formación específica, seria e con regras. Un libro con vocación divulgadora, que trata de explicar as claves do teatro contemporáneo dende un punto de vista non estritamente académico.

 

 

CampoiSenMedoDemo |Comba Campoi. Sen medo ao demo. Resistencia simbólica na Galiza da Posguerra: o teatro de títeres de Barriga Verde, Dr. Alveiros.

O libro está baseado na tese de doutoramento da autora, O teatro popular de marionetas como medio de comunicación das subalternas. O caso da barraca de Barriga Verde na Galiza de Postguerra (1939-1960), e recibiu un accesit do xurado do XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. Esta obra aspira a rescatar unha expresión da cultura popular galega que emparenta con outras tradicións europeas de títeres. Reconstrúe a xenealoxía do personaxe e da familia de artistas ambulantes que lle deron vida e analiza os mecanismos que converteron un humilde teatro de monifates nun medio a través do cal comunicar as arelas dos sectores subalternos en tempos onde calquera transgresión da orde simbólica dominante era gravemente punida.

 

 

NuñezMetodoloxía2 |Francisco Javier Núñez Alonso, Da medición de impacto á mellora. Metodoloxía de avaliación de eventos culturais. O caso do Festival de Cans, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Centro Galego de Arte Contemporánea.

Un traballo de investigación sobre o festival galego de curtometraxes. Ao longo do estudo mediuse o impacto do festival nas súas dimensións económica, social e comunicativa e obtivéronse datos que permiten á organización xustificar o investimento público, atraer investimento privado e motivar a asistencia do público. Coa información recollida das persoas participantes establecéronse relacións entre variables demográficas, hábitos de consumo, percepción do festival e gasto, co obxectivo de establecer propostas de mellora que permiten axustar a oferta á demanda, potenciar a comunicación e maximizar a xestión económica. O traballo péchase cun sistema de indicadores, creado ad hoc para o evento, que permite posicionar o produto no mercado cultural e diagnosticar tendencias no modelo de festival apoiando a toma de decisións.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

LaudamucoSeñorDeNingures |

Créase o Premio Laudamuco de Teatro para textos dramáticos

selic |

Premio SELIC de creación literaria