O próximo sábado 18 de agosto comeza en Cee a IV Semana de Teatro e das Artes Escénicas de Cee, “A esCEEna”, que se prolongará ata o venres 24 e que levará sete espectáculos á vila fisterrá.
A Mostra comeza o día 18 con Senior, de Culturactiva, unha comedia sobre a crise dos cincuenta dirixida por Avelino González e con Marcos Orsi e Luís Iglesia no elenco. Unha reflexión en clave de humor sobre a chegada ás portas da terceira idade. Cando se abandona a madurez e se comeza a ser “sénior”? Iglesia e Orsi rin de si mesmos ante nós, cun texto enxeñoso de creación propia.
O domingo 19, Producións Teatrais Excéntricas poñerá en escena A cabeza do dragón, o primeiro Valle Inclán profesional en galego, dirixido por Quico Cadaval e merecedor de 4 premios María Casares: Iván Marcos (Mellor Actor Protagonista), Víctor Mosqueira (Mellor Actor Secundario), Quico Cadaval (Mellor Adaptación/Tradución) e Suso Montero (Mellor Vestiario).
Producións Teatrais Excéntricas repite o luns 20, desta vez co espectáculo de Mofa e Befa Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira, dirixido por Carlos Santiago. O diálogo filosófico, xénero referencial do espectáculo, vai fornecer toda unha galería de personaxes susceptíbeis de ser conxurados sobre o palco por Mofa e Befa, desde filósofos históricos, como Sócrates, Pitágoras, Kant ou Nietzsche, até filósofos totalmente descoñecidos, como Polemón, o máis grande filósofo galego de todos os tempos, e que curiosamente é o pai de Mofa & Befa.
O martes 21, Redrum Teatro representará A canción do elefante, un espectáculo dirixido por Alex Sampayo no que un eminente psiquiatra desaparece da súa consulta. A última persoa que o ve é Miguel, un paciente obsesionado cos elefantes. A pesar das advertencias da enfermeira xefe, o doutor Villaverde está decidido a atopar unha verdade que tan só Miguel parece coñecer. A canción do elefante é un thriller psicolóxico que manterá pegado na butaca ao espectador ata o seu desenlace.
A cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, a figura de Eduardo Pondal ocupará a noite do mércores 22: Fillos do Sol, de Contraproducións é unha obra escrita e dirixida por Cándido Pazó sobre a obsesión do bardo bergantiñán coa obra que ocupou toda a súa vida como escritor: Os Eoas. Xa octoxenario e comesto pola neurose dos seus últimos anos, Pondal confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas, tendo por interlocutores un personaxe nacido da súa perturbación e a xove criada da pensión na que está albergado.
O clásico de Alfred Jarry, Ubú rei, chegará o xoves 23 da man e Talía Teatro, nunha adaptación de Roberto Salgueiro. Desta vez, Talía pon os ollos para miralo desde o porto de Belfast, nunha versión que pretende conservar a distorsión sintáctica do orixinal e o seu carácter inxenuo e profundamente teatral. Nesta ocasión, Ubú O’Reilly terá como aliado a un Bordure transfigurado en Liam O’Connor para destronar ao rei do porto: Dugan O’Sullivan.
A esCeena rematará o venres 24 coa visita da compañía madrileña MDM Producciones, que representará Los dos gemelos venecianos, unha adaptación libre do clásico de Goldoni que utiliza o enredo cómico para reflexionar sobre a dualidade humana.
Todas as funcións serán no Auditorio Baldomero Cores ás 21:30. As entradas poderán adquirirse na biblioteca Francisco Mayán desde pasado mañá, luns 6 de agosto.