in

Tres talleres e unha residencia no programa de formación do festival herDanza 2018

MonicaGarcía |
O Festival herDanza de Santiago de Compostela, que celebrará a súa terceira edición entre o 3 e o 8 de setembro, vén de facer público o seu programa de formación. Serán tres talleres a cargo de Sonia Rodríguez, Alba Barral e Mónica García e unha residencia destinada a estudantes de danza de entre 16 e 20 anos de idade.

 

Sonia Rodríguez impartirá o obradoiro titulado Cross the borders of our borders, dende o luns 3 ao mércores 5, no estadio de atletismo da USC. Neste taller compartirá o seu punto de vista coreográfico e achegará ideas para reflexionar sobre capacidades e limitacións. Traballarase a percepción do corpo como capas, con diferentes sensacións e estados emocionais, enfatizando o corpo natural, as aliñacións e os movementos. Na segunda parte combinaranse diferentes calidades enerxéticas e diferentes niveis. Todo iso baixo a idea inspiradora de “nada que temer e nada dubidar”.

Alba Barral impartirá o obradoiro titulado O corpo presente, dende o luns 3 ao mércores 5, tamén no estadio de atletismo da USC. Resume a súa proposta así: “Un corpo presente é un corpo que comunica, un corpo activo e reactivo, un corpo consciente e en conexión co espazo e co agora. Un corpo no que a destreza motora, a intención e a sensibilidade están en constante diálogo, en harmonía, en equilibrio. O obradoiro formúlase como unha oportunidade de profundar no coñecemento e nas posibilidades dese corpo en movemento, de explorar e transgredir os seus límites. A través dun adestramento físico intenso (ferramentas técnicas e xogos, secuencias de movemento, texturas e dinámicas) obteremos a maleabilidade necesaria para movernos con economía e fluidez, á vez que conseguiremos acceder a un espazo sensible de escoita física persoal e colectiva”.

O Taller de Movemento que impartirá Mónica García, do xoves 6 ao venres 7, propón un adestramento físico que coloca o corpo en posición de abarcar diferentes posibilidades de movemento dende a apropiación / repetición de secuencias de movementos e desde aí, a través de prácticas que favorecen a atención, a mobilización das articulacións, a inercia e intuición, danza.

Por outra banda, a residencia creativa levarase a cabo co coreógrafo Iker Gómez no CGAC, en Santiago de Compostela. Serán 5 dias de residencia: do 3 ao 7 de setembro do 2018, e o resultado presentarase no marco do festival o día 7 de setembro pola tarde. Os participantes serán becados nos talleres do festival que se leven a cabo pola tarde, e se cubrirán as comidas dos días da residencia.

 

As artistas

Sonia Rodríguez comeza a súa carreira profesional como intérprete da Cía. Provisional danza; posteriormente forma parte de diferentes compañías europeas: Cía. Charleroi Danses (Bélxica), Cía. En-Knap (Eslovenia), Cía. Gissela Rocha (Zúric).

Traballou coa Cía. Rui Horta (Alemaña); ademais de intérprete, participa como axudante coreográfica de pezas de repertorio para distintas compañías como Scottish Dance Theatre (Escocia), Cía. Norrdans (Suecia). Na actualidade vive en Berlín, onde desenvolve a súa actividade como coreógrafa e docente, e imparte talleres en toda Europa.

Alba Barral comeza a súa formación en danza da man de Juan Carlos Zahera en Lugo e no Espazo de Danza Universitario da USC. Continúa formándose en Holanda e no 2003 gradúase en Interpretación de Danza Contemporánea en ArtEZ Institute of the Arts (Arnhem). Neste país traballa coas compañías Leine&Roebana e Suzy Blok. No ano 2006 trasládase a Barcelona e traballa con Senza Tempo Teatrodanza.

Dende 2008 é membro estable da compañía Thomas Noone Dance, onde tamén ten a oportunidade de traballar cos coreógrafos Guy Wiezman/Roni Haver, Ederson Rodrigues Xavier, Johannes Wieland e Jo Strømgren. Dende o 2012 tamén forma parte do proxecto Camara lucida, dirixido por Lautaro Reyes.


Publicidade

Mónica García é licenciada en Coreografía e Técnicas de interpretación de danza no Real Conservatorio de Danza de Madrid e especialista en cambios culturais e sociedade: “Novas tecnoloxías, Novas industrias, Novos usos” pola Universidade Aberta de Cataluña e polo Centro de Arte de LABoral. Foi intérprete de Catherine Diverrés / Centro Coreográfico de Rennes e no da Bretaña, tamén en Matarile Teatro, no Staatstheater de Darmstadt (Alemaña), na compañía 10 & 10 e en Provisional Danza, entre outros.

Presentou as súas creacións en numerosas ocasións: Teatros e festivales españois e europeos. Compartiu o seu traballo como docente, ademais de en talleres en diferentes espazos e contextos, na Universidade de Alcalá de Henares, no Staatstheater de Darmstadt, na Escola de Danza Profesional de Burgos e no Conservatorio de Música e Danza de Xixón.

 

Inscrición e prezos

A inscrición nos talleres farase a través do correo electrónico

[email protected]

e os prezos varían segundo se faga a inscrción antes ou despois do 19 de agosto:

Ata o 19 de Agosto

  • Para asistir a 1 dos talleres da programación – 50 €
  • Para asistir a 2 dos talleres da programación – 90 €
  • Para asistir ós 3 talleres da programación – 125 €

A partir do 19 de Agosto

  • Para asistir a 1 dos talleres da programación – 65 €
  • Para asistir a 2 dos talleres da programación – 120 €
  • Para asistir ós 3 talleres da programación – 165 €

Para participar na convocatoria da residencia creativa, é preciso enviar un currículo ao correo electrónico indicado antes e encher unha folla de inscrición que se pode descargar aquí.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Raclette018 |

Comeza a VIII Semana de Teatro de Sarria

FillosDoSol09 |

A esCEEna: IV Semana de Teatro e das Artes Escénicas de Cee