A Academia Galega do Audiovisual (AGA), a Asociación Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación de Profesionais da Dirección e da Realización de Galicia (CREA), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación Músicas ao Vivo, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), a Asociación Galega de Dramaturxia (Dramaturga) e a Asociación Profesional de Artistas de Galicia (A Colectiva) veñen de facer público un comunicado no que expresan o seu apoio á manifestación convocada o sábado 8 de setembro polos comités de empresa de CRTVG e TVE-Galicia co fin de reivindicar e defender a pluralidade, veracidade e imparcialidade dos medios públicos e do cumprimento na súa totalidade da Lei 09/2011, de 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.
O pasado venres 31, nunha rolda de prensa en Compostela encabezada polos presidentes do Comité Intercentros de CRTVG e do comité de empresa de CRTVE na Coruña, Raimundo Méndez e Suso Ramos, os convocantes da manifestación de mañá salientaron que era a primeira vez que unían forzas para un acto desta natureza e subliñaron que a súa reivindicación era moi simple: que se cumpra a lei para que os medios públicos leven a cabo o seu obxectivo de ser un servizo público de todos os galegos e galegas, e non como na actualidade na que, segundo Méndez, “están ao servizo do Goberno galego e do PP”.
Mañá sábado 8 de setembro, a manifestación percorrerá as rúas desde a sede central de CRTVG en San Marcos, pasará pola sede de RTVE e concluirá na Praza das Praterías de Compostela. A consigna que encabeza a marcha será: “Pola dignidade dos medios públicos” e culminará coa lectura dun manifiesto conxunto.