in

O servidor de dous amos

ServidorDousAmosTalia |

Abuso de autoridade

| Manuel Xestoso |
| Foto: Rubén Prieto |

 

A falta de escrúpulos dos nosos gobernantes actuais ten consecuencias tráxicas pero, vista de cerca, mantén o aspecto dunha farsa protagonizada por monicreques previsibles e absolutamente faltos de dignidade. Talía Teatro apela ao Goldoni moralista, ao censor dos costumes da súa época, para achegarnos unha visión desopilante do argumento que o telexornal nos serve diariamente: Arlequino, transformado nun “emprendedor” desesperado por sobrevivir na xungla do capitalismo, ponse ao servizo dunha banda de mafiosos que, amparados en cargos políticos, tecen unha tupida trama para enriquecerse a costa do erario público.

Arlequino é ese personaxe eterno pertencente á clase maltratada pola fame que, por puro instinto de supervivencia, acaba converténdose na intelixencia dos seus amos, na instancia que desenreda os sarillos creados pola incompetencia dos poderosos. A ambigüidade do seu proceder responde a unha obrigada capacidade de adaptación que o impulsa á complicidade cos que ostentan o poder e o sitúa como testemuña directa dos excesos dos gobernantes.

A súa ollada guíanos polas vías que comunican os intereses da empresa e da política –iso que antes denominabamos “corrupción” e agora se chama “portas xiratorias”– baixo a sombra duns guindastres que proclaman a omnipotencia dun modelo produtivo (por chamalo dalgunha maneira) sometido aos intereses da construción. As alusións á actualidade concretan a teoría e manteñen ao público atento, mais a estilización inspirada na commedia dell’arte é a que lle outorga á montaxe un certo aire de intemporalidade que nos avisa de que case sempre foi así, de que o xogo do poder esixe o sacrificio duns peóns que nunca chegan ao final da partida.

A comedia está aquí no ritmo, na xestualidade e, sobre todo, no equívoco, que apela a un mundo onde a aparencia substitúe a esencia e onde a mentira se disfraza de ética responsable. Talía aproxímase á realidade a través dun subliñado que amosa o guiñol escondido nesa realidade de atropelos, corruptelas e inxustizas, e consegue engadirlle diversión desbordada a través dun elenco que se desenvolve ben nos diálogos e situacións que debuxan ese teatro estrafalario en que se converteu a democracia contemporánea.

O servidor de dous amos non conta nada que non saibamos se lemos os xornais con certa frecuencia, pero con eses vimbios Talía consegue armar un retablo bufo que revela a natureza fundamentalmente groseira e rudimentaria das componendas artelladas nos sotos do poder. Non se trata tanto de denunciar o que xa coñecemos como de desvelar o grotesco do seu carácter. O festivo mesturado co esaxerado non lle resta nin un chisco de exactitude a ese retrato das truculencias que rexen a sociedade: ridiculizalo non é mais que confrontar a dignidade do humano coa estupidez que se deriva do abuso de autoridade.

 

O servidor de dous amos, de Carlo Goldoni.


Publicidade

Dirección e adaptación: Diego Rey.
Elenco: Xurxo Barcala, Toño Casais, Mrta Lado, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo, Dani Trillo.
Escenografía: Diego Valeiras.
Iluminación: Diego Valeiras.
Vestiario: Martina Cambeiro.
Fotografía: Rubén Prieto.

Estrea no Teatro Principal, Santiago de Compostela. 14 de febreiro de 2018.

 


capa94 |

 

[Este artigo foi previamente publicado no número 94 da edición impresa da erregueté | Revista Galega de Teatro.]

 

 


Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

OInspector02 |

Sete compañías na Mostra de Teatro Amador do Carballiño

sansobjet |

Volve o Festival de Marionetas do Porto a partir do 13 de outubro