O teatro galego estará de celebración o próximo día 6 de outubro na Casa-Museo Manuel María. Por fin, as 33 obras de teatro que deixou escritas Manuel María veranse reunidas nun único volume de setecentas corenta páxinas, en capa dura, quedando así a disposición do público lector e das compañías de teatro para a súa representación. A edición da obra estivo a cargo da profesora da Universidade da Coruña e estudosa do teatro do noso autor, Mª Pilar García Negro. Moitas das pezas que se recollen no volume eran inéditas ou de difícil localización e, no seu conxunto, dan boa mostra da salientábel e importante achega ao teatro galego e o lugar sobranceiro que a dramaturxia ten na obra literaria de Manuel María.
Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, e María Pilar García Negro, responsábel da edición, serán as persoas encarregadas de presentar o volume ás 18 horas no auditorio da Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. A presentación encádrase na xuntanza anual, coincidente co aniversario do escritor, que celebran as amigas e amigos da Fundación, amplo grupo de persoas que ao longo do ano colaboran económica e organizativamente coas actividades da Casa-Museo.
Actuación do Mago Antón
Co motivo da efeméride, a Casa-Museo reinicia, tamén este sábado, tras o parón vacacional, a súa programación cultural e faino coa presentación, ás 19 horas, do último espectáculo co que o Mago Antón está a percorrer o país. A través do seu Magomóbil, un camión de 17 metros de longo e 6 de ancho, que estará estacionado perto da Casa-Museo Manuel María, o Mago Antón ofrecerá unha sesión de maxia para todos os públicos.
As persoas interesadas en asistiren a este espectáculo poden reservar a entrada (billete: 2 euros até os doce anos e 5 euros persoas maiores de 12 anos), quer escribindo a [email protected], quer chamando ao 698177621.