in

A Sala Ingrávida presenta a súa programación 2018/2019

Casquería |
Máis de trinta espectáculos e novidades como unha renovada oferta de abonos ou unha residencia artística na sala para o proxeto gañador do certame “Novos valores” fan do espazo porriñés un dos focos máis interesantes para observar as novas tendencias.

 

No seu quinto aniversario, a Sala Ingrávida do Porriño vén de presentar o seu programa anual de outubro a xullo. Cunha programación asentada na liña de teatro comunitario e no traballo reafirmado nas sinerxias locais e a creación de públicos, máis de trinta espectáculos de compañías galegas de referencia e emerxentes combinaranse coas propostas chegadas doutras latitudes. Coa intención de fidelizar público e acadar estabilidade para a xestión do espazo teatral, este ano inclúe como novidade unha variada oferta de abonos.

Artesa Cía. será a compañía encargada de inaugurar a programación de Ingrávida os días 5 e 6 de outubro con Chola, a it girl. A continuación, o 13 de outubro, será a quenda do concerto de Cintaadhesiva onde a música, a videoarte e a poesía se mesturan da man de Silvia Penas e Jesús Andres Tejada. Pola súa parte, os días 19 e 20 de outubro, Xerpo toma o relevo con Eu, árbore: un novo proxecto que nace da colaboración da directora de escena Irene Moreira, a pintora Marta Cabaleiro, o músico Fran Leboso e o actor Álex Sobrino. O mes de outubro conclúe coa presentación da proposta posdramática A carne máis próxima, realizada esta tempada pola comunidade e que subirá a escena os días 26 e 27 de outubro.

Novembro abre en Ingrávida con STRPTS / Fin de tempada, un espectáculo de cine ao vivo da man de Cinema Sticado que combina diferentes técnicas teatrais. Por outra parte, a segunda fin de semana de novembro será o momento para o ciclo “Novos formatos” que inclúe as propostas Latitude 41º56’6.83ºN / Lonxitude 6º31’44.40”O , de Julio Fernández; Barbarie en branco e negro, unha peza escrita e dirixida por Esther Carrodeguas con interpretación de Josi Lage; Amor, de Helen Bertels e Deixa de tocala, Sam, de AveLina Pérez. O 16 e 17 de novembro a compañía Prácido Domingo gravitará en O Porriño coa súa peza Non hai que ser unha casa para ter pantasmas, mentres que Mortificación Teatro pechará o mes de novembro con Porkulo, un espectáculo de danza-teatro que reflexiona sobe a homosexualidade e a súa relación coa sociedade capitalista moderna.

Decembro chega a Ingrávida coa presentación de Paisajes en extinción, de Anómico Teatro. Trátase dunha proposta arredor da extinción do salvaxe con texto e dirección de Julio Fernández e que terá lugar os días 30 de novembro e 1 de decembro. Por outro lado, o 14 de decembro, a sala acollerá a estrea e función única de De cando sexamos valentes, de Trasluz Teatro baixo a dirección de Pablo Carrera. A continuación, o día 15 de decembro, Roberto Oliveira despregará o seu Mikrokosmos nun concerto-performace de multipercusión, electrónica e arte visual. Finalmente, a compañía A Artística pechará a programación de decembro e tamén de 2018 en Ingrávida con Pé crebado: unha acción performativa sobre a poética galega do século XXI.

Salvador, de Borja Fernández é a peza que desembarcará os días 11 e 12 de xaneiro no Porriño: un proxecto escénico para un actor-músico e unha video jockey-manipuladora de obxectos sobre os movementos migratorios, as desaparicións e os encontros. A fin de semana seguinte, os días 18 e 19 de xaneiro, regresa a Ingrávida o certame “Novos Valores” co que se pretende visibilidade dos traballos emerxentes das especialidades da Dirección de Escénica e a Dramaturxia. Como novidade para este ano, a proposta gañadora contará cunha residencia artística na Sala.

Febreiro será tempo para Teatro invisible en Ingrávida. Os días 1 e 2 de febreiro Matarile Teatro despregará esta declaración de principios de Ana Vallés nunha mestura de “dicción filosófica e accións escénicas sutís”. O 15 e 16 de febreiro Xerpo presenta Casquería e outras vísceras, un espectáculo dirixido por Irene Moreira no que se fusionan dúas teses: a incapacidade política que hai de detectar o talento e a posible supervivencia que é a militancia como minoría.

Armazenados, de David Desola é a peza bilingüe en galego e portugués coa que a compañía Teatro Art’imagem visita Ingrávida os días 15 e 16 de marzo. Dirixido por Flavio Hamilton, o elenco está formado polo galego Jimmy Núñez e o portugués Pablo Carvalho. Pola súa banda, os días 22 e 23 de marzo a compañía de Manacor La Fornal chega en 2019 a Ingrávida con Madame Curie: unha peza na que as corruptelas e as prevaricacións dun estado pisan a dignidade das persoas. Para rematar o mes e con motivo do día mundial do teatro, o 31 de marzo, pequenos anacos de diferentes pezas dos grupos da escola e a comunidade ingrávida protagonizarán o día de celebración.


Publicidade

Na recta final do programa, o 5 e 6 de abril a compañía estremeña Guirigai desembarca en Ingrávida co seu Un encuentro con Miguel Hernández, mentres que os días 3, 4, 10 e 11 de maio son tempo de estrea en Ingrávida con #InterferenciaVarada, un proxecto de Xerpo e Estratería a partir dos haikus de Helena Villar Janeiro e con dirección de Irene Moreira.

 

Teatro comunitario

Cada ano, a Sala Ingrávida acolle un proxecto de teatro comunitario e dramaturxia participativa. Para este ano, baixo o tema “Movendo dos marcos”, o colectivo quere rescatar aquelas figuras que a historia esqueceu. O proxecto estrutúrase en 5 episodios que se estrean a final de cada mes a partir de xaneiro e que ten o seu Maratón final o 22 de xuño.

 

Teatro infantil
Os domingos de febreiro ás 12.00 horas os domingos de Ingrávida están dedicados ás persoas máis pequenas da casa co Ciclo Infantil que integran os espectáculos: Polo meu aniversario: superpoderes, de Avento; A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz, de Teatro do Andamio; Redondo, de Caramuxo Teatro e Nube nube sol, de Teatro ó cubo.

 

Abonos
Coa intención de acadar a estabilidade e facilitar unha boa praxe na xestión de públicos e na organización do espazo teatral, este ano a programación de Ingrávida vén acompañada por unha oferta de abonos teatrais: o bono teatro por sesións de 30 euros (5 sesións: 6 euros por sesión); abono de teatro de 150 euros (42 funcións: 3,5 euros por sesión); abono cinema (42 euros (30 películas: 1,4 euros por sesión); abono total (180 euros (72 sesións, 0,4 euros sesión).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

sansobjet |

Volve o Festival de Marionetas do Porto a partir do 13 de outubro

ManuelMariaOrdes |

Preséntase a obra teatral completa de Manuel María