A Fundación SGAE publicou dúas das obras finalistas a Mellor autoría teatral dos XX Premios Max de las Artes Escénicas: Raclette de Santiago Cortegoso e Solo son mujeres (Només són dones) de Carmen Domingo. Ambas publicacións súmanse á colección Teatroautor que edita a entidade e que conta con máis de 200 obras de teatro publicadas.
O impacto de Raclette está fóra de dúbida: o texto foi recoñecido non só polo certame XXII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais da consellería de Cultura (Xunta de Galicia), senón que tamén foi unha das obras gañadoras da I Convocatoria de Teatroautor Exprés 2016 da Fundación SGAE, e mereceu o galardón ao Mellor Texto Orixinal nos XXI Premios María Casares do Teatro Galego e, foi finalista nos Premios Mondoñedo 10, que escollía a mellor obra de teatro galego da última década. Ademais, o espectáculo Raclette, levado a escena por Ibuprofeno Teatro, foi candidato aos Premios Max 2017 en catro categorías: Espectáculo de Teatro; Autoría Teatral (para Santiago Cortegoso); Dirección de Escena (para Santiago Cortegoso); e Actriz de Elenco (para Iria Sobrado).
En canto á edición do texto pola Fundación SGAE, Cortegoso afirma que “ter o texto publicado ofréceche a oportunidade de levalo aos programadores e outros directores de escena. Interésame que se monte en castelán e que sexa estreado por outros directores, aínda que é prioritaria a montaxe en galego por parte de Ibuprofeno”. O autor remata recoñecendo que “é moi complicado publicar un texto teatral e que este poida chegar aos espectadores; cando isto sucede é un pasiño máis e unha satisfacción”.
Santiago Cortegoso (Domaio-Moaña, Pontevedra, 1974) compaxina a súa carreira como actor e director de escena coa escrita de textos teatrais nos que trata as cuestións claves que afectan o individuo contemporáneo, con situacións cargadas dun humor acedo e retranqueiro. Coa súa compañía, Ibuprofeno Teatro, estreou Casa O’Rei, Raclette, O Furancho, Pequenos actos pseudorrevolucionarios e A filla de Woody Allen (finalista na categoría Mellor Autor en Galego nos Premios Max 2011). Outros traballos de Cortegoso como autor son: Smoke on the water ou El charco de Ulises.
Solo son mujeres, de Carmen Domingo
Pola súa parte, Solo son mujeres alzouse co Premio Max en dúas categorías: a Mellor espectáculo e Mellor dirección de escena para Carme Portacelli. “Un recoñecemento ao traballo ben feito”, declara Domingo, quen advirte ao lector: “Solo son mujeres formúlase sobre o papel como un punto de partida para a posta en escena: a creatividade de Carme Portacelli non se pode explicar con palabras”.
Carmen Domingo (Barcelona, 1970) é Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universitat de Barcelona, viviu un ano en Marrocos, onde traballou na Universitat d’Ain Choc (Casablanca) como docente e investigadora (1993-1994). Colabora en medios de comunicación como La Marea, El País, Público… É autora da obra teatral Yo maté a mi hija (Sala Muntaner, 2014), e entre os seus libros pódense mencionar Con voz y voto. Mujer y política en España entre 1931 y 1945 (Lumen, 2004), Nosotras también hicimos la guerra (2006) e as novelas Conversaciones de alcoba (Edebé, 2009), que narra as historias das tres mulleres máis influíntes do falanxismo, Gala-Dalí (Espasa, 2016) e No llores por mí (Storytel, 2018). Actualmente está rematando outra novela e pendente da estrea da súa última obra de teatro, María Teresa. Melancolía de la desmemoria, un monólogo de María Teresa León para conmemorar o 30 aniversario do seu falecemento.