Elisa e Marcela, d’A Panadaría e A leituga, de Eme2, estarán presentes en MADferia, a feria de artes escénicas de Madrid que comeza o vindeiro martes 22. Elisa e Marcela poderá verse o mércores 23, ás 17:00, mentres que A leituga se presentará o xoves 24 ás 18:30, ambas nas Naves del Matadero.
MADferia é unha feria de artes escénicas que se celebra anualmente en Madrid no mes de xaneiro. Nace en 2004 co obxectivo principal de impulsar, dinamizar e xerar mercado no ámbito das artes escénicas. MADferia combina a exhibición das últimas creacións de artes escénicas do Estado, con actividades orientadas á reflexión e ao encontro entre os profesionais do sector. Está organizada por ARTEMAD (Asociación de Empresas Productoras de Artes Escénicas de Madrid) e está asociada a COFAE (Coordinadora de Ferias y Artes Escénicas del Estado español).
A programación deste ano está formada por dezaseis espectáculos de teatro, danza e circo, aos que se suman dúas propostas para o espazo, “Exploratorios en Terneras”, que estarán dedicadas á investigación, aos procesos de creación e a outras expresións artísticas próximas á escena.
Ademais das galegas, hai compañías programadas de Madrid, Valencia, Andalucía, Murcia, Cataluña, País Vasco e Portugal, que terán como elemento de enlace a aposta polos creadores contemporáneos, as propostas de risco e a busca de novas linguaxes escénicas. Xunto á Panadaría e Eme2 poderán verse espectáculos de compañías que se revelaron nos últimos tempos como apostas de gran proxección, como La Tartana, Onírica Mecánica, Ertza, a compañía de Sara Cano ou La Joven Compañía.