in

Berrobambán estrea ‘Doppelgänger’

Doppelganger02 |

O programa de coproducións do Centro Dramático Galego (CDG) estrea mañá xoves no Salón Teatro de Santiago o espectáculo internacional Doppelgänger, resultado dun proceso de creación colaborativo entre a compañía galega Berrobambán e a colombiana El Arca de N.O.E. co apoio da unidade de produción teatral da Xunta.

O espectáculo, que toma o seu título do termo alemán que significa “o dobre que camiña ao lado”, poderá verse na sede do Centro Dramático Galego ata o día 27, con funcións ás 20,30 h. de xoves a sábado e ás 18,00 h o domingo.

No Salón Teatro atópase en residencia desde o pasado luns o equipo do espectáculo, que culmina así varios meses de investigación e estadías artísticas entre Medellín e Galicia para desenvolver esta proposta dirixida por Chiqui Pereira a partir dun texto orixinal de Paula Carballeira, que acaba de chegar ás librarías dentro da colección DiTeatro de Edicións Positivas.

Paula Carballeira é, ademais, unha das tres intérpretes de Doppelgänger xunto aos irmáns colombianos Juan Diego e José Ricardo Alzate. Sobre as táboas, danlle vida a unha proposta que, baixo a aparencia dun proceso de ensaio, amosa a busca dunha dramaturga que quere contar a historia de dous irmáns loitando en bandos contrarios. Deste xeito, proporanlle ao público unha reflexión sobre a identidade individual e a social, sobre a necesidade de asumir o outro como parte de nós mesmos como único xeito de superar a crise de identidade.

Forza e experiencia en escena


Publicidade

A peza resultante destaca pola súa coidada estética e pola concentración da acción nun só escenario, así como pola forza interpretativa dos tres protagonistas, que reflicten toda a súa experiencia dun e doutro lado do escenario. Juan Diego Alzate, por exemplo, é un antropólogo e artista colombiano con máis de vinte anos de traxectoria durante os que mesturou disciplinas como o clown, o teatro, a improvisación, a literatura e a música. O seu irmán xemelgo, José Ricardo Alzate, é actor, produtor teatral e especialista en xestión escénica, ademais de narrador como Juan Diego. Un oficio escénico este último no que tamén destaca a galega Paula Carballeira, quen ademais de contacontos é escritora, guionista, actriz, produtora e directora teatral.

Inmediatamente despois da función de estrea de mañá, para a que a entrada é por convite, o equipo do espectáculo manterá un encontro co público para compartir cos asistentes como foi este proceso de creación e coprodución a ambas beiras do Atlántico.

Despois da súa estrea en Santiago, Doppelgänger poderá verse no Teatro Ensalle de Vigo do 1 ao 3 de febreiro e na Sala Ingrávida do Porriño do 8 ao 10 dese mes.

Esta é a primeira das cinco coproducións do Centro Dramático Galego para este ano 2019, dentro do que tamén se apoiarán a través deste programa da compañía pública as montaxes A compañeira de piso, de Contraproducións; Invisibles, de Redrum Teatro; Soma, de Javier Martín; e Se fosen turistas levarían gafas de sol, de Limiar Teatro.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

GalaMariaCasares |

32 espectáculos nos XXIII Premios de Teatro María Casares

LimonesMatarile |

Matarile comeza o ano en Vigo