O vindeiro 4 de febreiro, no Teatro de la Comedia de Madrid, terá lugar a entrega dos Premios ADE 2018, convocados pora Asociación de Directores de Escena de España. Estes premios outórganse anualmente mediante votación dos asociados da ADE.
Entre os finalistas dos premios ADE figuran Manuel F. Vieites, como candidato ao Premio «Leandro Fernández de Moratín» ao mellor estudo teatral pola súa obra El teatro vacío. Manual de política teatral e Catuxa López Pato, ao Premio «María Martínez Sierra» de tradución teatral, pola tradución que realizou para a Editorial Galaxia de O facedor de teatro, de Thomas Bernhard.
O Premio de Honor da ADE será este ano para Xulio Lago, “polo relevante labor desenvolvido ao longo de toda a súa vida como director de escena e actor, así como na promoción e xestión dun proxecto teatral como o Teatro do Atlántico, que se prolongou durante máis de trinta anos”, segundo reza a acta.
Ademais, tanto Xulio Lago como Eduardo Alonso, Manuel Lourenzo e Cándido Pazó recibirán cadansúa Medalla da ADE, un recoñecemento destinado valorar a traxectoria e o labor cultural realizado polos destinatarios.
A ADE entregará os seguintes premios: Premio «José Luis Alonso» para novos directores emerxentes; Premio «María Martínez Sierra» de tradución teatral; Premio «Rogelio de Egusquiza» de iluminación; Premio «Adrià Gual» de figurinismo; Premio «Joseph Caudí» de escenografía; Premio «Leandro Fernández de Moratín» para estudios teatrais; Premio «Adolfo Marsillach» a un labor teatral significativo; e Premio ADE de Dirección, ademais do Premio de Honor e das Medallas ADE.