O Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia convocan o II Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño. Homenaxeando o nome do xenial dramaturgo compostelán, este premio ten como finalidade animar á escrita de pezas teatrais dirixidas ao público mozo e crear un fondo de textos susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario, é dicir, ao alumnado da ESO e Bacharelato.
BASES:
- Poderán concorrer ao Premio todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
- As OBRAS serán de temática e extensión libre, se ben hai que ter en conta que van ser interpretadas por alumnos e alumnas de entre 12 e 18 anos.
- Cada autor poderá presentar máis dunha obra.
- O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma acreditativo e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. A tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato da edición.
- O premio poderá quedar deserto se a calidade das obras presentadas non é a axeitada segundo o criterio do xurado.
- O PRAZO de presentación de orixinais remata o 1 de abril de 2019.
- O ENVÍO das obras farase a través de correo electrónico [email protected], especificando no asunto do envío “Premio Roberto Vidal Bolaño”. Enviaranse dous arquivos: un coa obra (con título e lema) e outro coa plica (no que constará o nome e apelidos do autor, lema, título e breve sinopse da obra, teléfono e email).
- O XURADO estará conformado polo EDL do IES Ribeira do Louro, profesionais do teatro e un representante da Editorial Galaxia; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas.
- A obra gañadora darase a coñecer no mes de xuño de 2019. Farase entrega do premio nun lugar que se convirá, a tal efecto, na última semana dese mes.
- Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.
- O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.
Podes decargar as bases aquí.