in

Chévere investiga en Verín sobre a “Curva España”

ChevereVerin |

O grupo Chévere desprazarase esta fin de semana a Verín como parte do proceso de documentación para o seu novo espectáculo, Curva España, que se estreará na MIT de Ribadavia no mes de xullo.

A curva España está situada na antiga estrada da Gudiña a Verín, e recibiu popularmente ese nome trala morte de José Fernández España, un enxeñeiro que perdeu a vida nese mesmo lugar no 1927, logo de caer o seu coche por un barranco.

Para documentar este suceso, Xesús Ron, Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo, de Chévere, establecerán unha base de operacións na Biblioteca Municipal de Verín, onde durante os días 22 e 23 de marzo escoitarán a todas as persoas que se acheguen para compartir coa compañía información sobre este feito. As declaracións serán gravadas en vídeo e utilizadas como material de documentación para o espectáculo.

As entrevistas que se xeren durante estes dous días sumaranse a outras xa realizadas anteriormente pola compañía, que estivo recentemente en Verín recollendo datos para este novo traballo.

A nova obra, unha produción Chévere en coprodución con Teatros del Canal, Concello de Teo e MIT Ribadavia, contará coa participación de Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo, baixo a dirección de Xesús Ron.

Ao igual que no caso de Eroski Paraíso, creado a partir da información recollida na vila de Muros sobre unha sala de festas convertida en supermercado, Chévere partirá dunha historia moi local, que se transmitiu de xeración en xeración durante case cen anos, e achegarase a ela mediante un proceso de documentación que comprenderá arquivos e bibliotecas, fíos dixitais e entrevistas. Ao material xerado daráselle posteriormente forma teatral durante os ensaios do espectáculo.

 

A COMPAÑÍA


Publicidade

Chévere é unha compañía con 31 anos de traxectoria, que soubo manter con naturalidade unha proposta tan irreverente como xenuína e un sólido compromiso social, político e cultural. No ano 2014, o traballo da compañía foi recoñecido co Premio Nacional de Teatro.

Dende a súa creación, a compañía actuou en centos de vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos. Ao longo dos anos, conservou un núcleo artístico estable (Miguel de Lira, Xron, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés) ao tempo que incorporaba a numerosos profesionais de distintas procedencias xeográficas, xeracionais e creativas.

Chévere ten feito espectáculos de moi diferentes estilos e formatos e ten traballado en espazos pouco convencionais. Sempre co humor como filosofía e o sorriso como expresión, as súas obras levan ao escenario os debates do presente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos. Exemplos recentes do seu traballo son obras como Testosterona (2009), a triloxía Citizen (2010-2011), Eurozone (2013), Ultranoite no País dos Ananos (2014) e As Fillas Bravas (2015).

O seu compromiso coa creación contemporánea e coa dinamización de contornas locais levou a compañía a crear a Nave de Servizos Artísticos-Sala Nasa en Santiago de Compostela, un espazo cultural independente no que Chévere asumiu la dirección artística dende 1992 a 2011 e que se converteu nun nodo especialmente activo da escena alternativa española.

Dende 2012, Chévere desenvolveu un proxecto de residencia teatral no Concello de Teo (A Coruña), un modelo experimental de relación público-privado que ten como obxectivos fixar o funcionamento dunha compañía de teatro a un espacio estable implicándose nunha contorna local para rendibilizar o uso dos espazos públicos, mellorar a estabilidade laboral dos profesionais do teatro e capitalizar o prestixio y el e o know how dunha compañía como Chévere en beneficio da comunidade que a acolle.

No 2015, a compañía puxo en marcha a Berberecheira, unha iniciativa de custodia do territorio teatral, un espazo para sementar proxectos escénicos de xestión colectiva, un laboratorio de creación sustentado en redes estables de cooperación, un lugar de encontro e diálogo entre creadores, públicos e outros agentes sociais e culturais.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pablo Albo 1 |

O alacantino Pablo Albo imparte un obradoiro de narración oral en Santiago

PresentacionCartazCangas |

O artista gráfico Luís Davila crea o cartel da XXXVI Mostra de Teatro de Cangas