in ,

A XXXVI Mostra de Cangas presenta o seu programa

ZarandaDesguace2 |
A Mostra, cuxo pregón pronunciará Quico Cadaval, presenta cinco estreas absolutas e cinco en Galicia.

 

O 28 de xuño arranca a XXXVI edición da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Un ano máis a vila do Morrazo convértese nun referente do teatro de humor, ao que leva consagradas xa 36 edicións do festival. Ao longo de nove días, os amantes do teatro terán a oportunidade de ver máis dunha vintena de espectáculos teatrais, que serán representados no Auditorio de Cangas ou na rúa, en diferentes espazos do concello morracense.

A 36 Mostra comezará co pregón de Quico Cadaval, actor, dramaturgo, director e o impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa. Cadaval comezou na interpretación teatral a finais dos anos setenta no Centro Dramático Galego, e xa nos oitenta fundou a súa propia compañía: O Moucho Clerc. Traballou en diferentes producións da TVG, así como en curtametraxes e longametraxes, e recibiu diferentes premios polo seu traballo no teatro. En 2011 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Escénicas que outorga a Xunta de Galicia.

Publicidade

A MITCFC acollerá este ano cinco estreas absolutas, obras que se poderán ver en Cangas por primeira vez en todo o mundo: A Illa das Matriarcas, unha coprodución galego inglesa das compañías Aporia Escénica e Theatre of Ancients; Crunch, unha coprodución da compañía galega Muuu e da Mostra; La Gran Ofensa, de la Bendita Compañia e El Terrat (Cataluña), Proxecto Cuco. Cultura contra o cambio climático”, outra coprodución da MITCFC con Teatro Tío Teixo; e C’est pas possible, de Sempre Arriba coproducida pola Mostra.

Ademais, o público poderá ver cinco estreas en Galicia de obras como Comedia Aquilana, de Nao de Amores & Cia (Castela e León); Donna Quixota, de Pina Polar (Polonia); La mujer perdida, da compañía asturiana Teatro del Norte; El desguace de las musas, de La Zaranda; e Tentación Divina, da compañía Artlequín (Arxentina/España).

Comedia Aquilana é o espectáculo que inaugura as representacións en sala da XXXVI Mostra. Trátase dunha comedia renacentista musical dirixida por Ana Zamora. A música en directo non só acompaña, senón que dá ritmo a moitas das esceas como parte indivisible do ‘todo interpretativo’. Trátase dunha coprodución da compañía Nao de Amores coa Compañía Nacional de Teatro Clásico.

O sábado 29 de xuño, La Bendita Compañía e El Terrat estrean, en primicia mundial, a obra La Gran Ofensa, un espectáculo que fala da persecución do humor, un tema, por desgraza, moi de actualidade. A presenza desta obra en Cangas encádrase na irmandade asinada o ano pasado entre a Mostra e o Singlot Festival (Xirona), que dirixe o humorista Andreu Buenafuente. La Gran Ofensa foi o proxecto gañador do premio Terrat Nou Talent en 2018. Este espectáculo estréase en Cangas froito do acordo entre Singlot e MITCFC. Pola súa banda, no festival xerundense, que se celebra en Sant Feliú de Guixols (Xirona) entre os días 4 e 7 de xullo, poderán ver o espectáculo Vacas, Guerras, Porcos e Cregos, de Quico Cadaval.

O domingo 30 de xuño, Quico Cadaval recunca con esta edición da Mostra no seu papel de dramaturgo e director coa obra Carpe Diem, unha atrevida tentativa de converter en teatro un dos mais excitantes contos do maior autor vivo en lingua portuguesa. Un espectáculo con música en directo que seguro sorprenderá.

A compañía Os Monicreques de Kukas, que este ano recibe o Premio Xiria ao Labor Teatral da MITCFC, actuarán o mércores 3 de xullo no Auditorio de Cangas coa obra Arlequina, un espectáculo dirixido a todos os públicos que combina o traballo de actor e a pantomima coa animación de marionetas e a maxia. Con música en directo.

O venres desa semana, os espectadores poderán ver a obra El desguace de las musas, da compañía La Zaranda. A peza teatral conta, como é habitual, co texto de Eusebio Calonge e Paco de la Zaranda, ademais do elenco formado por Gaspar Campuzano, Enrique Bustos y Francisco Sáchez, ‘clasicos’ das postas en escea da compañía. El desguace de las musas conta co traballo dos intérpretes Gabino Diego e Inma Barrionuevo, e da soprano María Ángeles Pérez-Muñoz. Todo o conxunto teatral para unha viaxe de descuberta sobre como comezou o teatro a perder o seu espírito creativo para converterse en mero negocio.

A Mostra chegará ao seu fin, o sábado 6 de xullo, coa obra de coprodución angloespañola Generación Why, de Teatro en Vilo, compañía que en 2016 recibiu o Premio do Público da Mostra de Cangas coa exitosa representación de Interrupted, o seu primeiro espectáculo. Con Generación Why, a compañía retoma o humor absurdo e a poética corporal daquel proxecto continuando a súa busca de novas linguaxes escénicas para mergullarse argumentalmente no misterio dos tempos que nos quedan por vivir.

As directoras de Teatro en Vilo, Andrea Jiménez, Noemí Rodríguez, serán as encargadas de impartir un obradoiro sobre “A dramaturxia actoral e os procesos de creacion colectiva”. Este taller levarase a cabo na Casa de Cultura de Cangas, en horario de 10 a 15 horas, entre os días 3 e 5 de xullo, ambos incluídos.

Publicidade

 

TORNEO DE DRAMATURXIA

O Torneo de Dramaturxia de Galicia consolídase como unha aposta firme da MITCFC para dar a coñecer a nosa dramaturxia, creando un nexo directo entre autoras/es e público. Este proxecto, pioneiro en Galicia e que este año chega á súa terceira edición, conta coa imprescindible colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega.

A Asociación Galega de Dramaturxia é a plataforma das autoras e autores dramáticos de Galicia. Naceu no ano 2015 coa intención de mellorar, defender e velar polas condicións laborais das profesionais do sector e visibilizar a dramaturxia galega.

No III Torneo de Dramaturxia, haberá unha mestra de cerimonias única, nesta edición Esther F. Carrodeguas, que presentará este furioso combate no que catro recoñecidas dramaturGAS e dramaturGOS de Galicia se baterán na procura do voto do público. As armas a usar? Retruques da palabra, ideas, ritmos, conflitos, sorpresas, accións, silencios.

O público asistirá a catro lecturas dramatizadas, interpretadas por actrices e actores profesionais de recoñecido prestixio, e será o propio público quen vote os textos que máis lles teñan gustado para que, de entre as catro pezas participantes, resulte unha soa a gañadora. Carmen Conde, Ana Carreira, Fran Godón e Zé Paredes serán os intérpretes, que estarán acompañados polo pianista Velpister.

Un espectáculo teatral, divertido e único que se verá avivado pola participación activa do público.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MercedesMaisEu |

Janet Novás presenta ‘Mercedes máis eu’ na Coruña

Xavier Lama |

Xavier Lama gaña o I Premio Laudamuco de textos teatrais