Janet Novás presenta ‘Mercedes máis eu’ na Coruña

O vindeiro sábado 11 de maio ás 20:30, dentro do ciclo TRC Danza do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Janet Novás presenta Mercedes máis eu, un traballo en colaboración con Mercedes Peón que se estreou o pasado outubro en Madrid.

Mercedes máis eu é un traballo de colaboración entre a artista Janet Novás e a compositora Mercedes Peón no que ambas exploran as relacións particulares que existen e se establecen entre “a súa danza e a súa música”. Entre instrumentos, recordos, cancións e bailes afloran conceptos, algúns deles de gran contido socio-político, outros, conceptos somáticos ou experiencias cuánticas que aparecen nos pulsos, os ritmos e os tons, nas voces e nas dinámicas, nos silencios, nas formas.

Malia que durante toda a súa carreira, Janet Novas (Porriño, Pontevedra, 1982) colaborou con moitos artistas, coa cantante Mercedes Peón xurdiu un lazo moi estreito que provocou un acto de introspección na coreógrafa galega, que lanza agora unha mirada moi atrás nas súas orixes, descubrindo a enorme influencia que tiveron sobre a súa carreira dez anos bailando danzas tradicionais populares e tradicionais galegas, que nin sequera cita no seu currículo.

Para definir Mercedes máis eu é inevitable falar de desexo. Ese desexo que atopa razóns para proxectarse máis aló do primeiro encontro, e devir re-encontro, conversación, experiencia, afecto… Mercedes máis eu mira cara ao colectivo e faino dende perspectivas e sensibilidades nada arquetípicas. O traballo é ademais unha proposta sutil sobre o común sensible e unha aposta polo facer/saber artístico. A peza, en feminino, é un híbrido dancístico-musical infestado de imaxes evocadoras e seccionada por cadros, o que lle permite habitar en diferentes arquitecturas ou marcos, desde contextos máis escénicos a outros máis instalativos ou museísticos.

Podedes ver aquí un teaser do espectáculo.

 

Programación expandida

O proxecto de Programación Expandida do TRCDanza é un programa de mediación cultural vinculado ao programa anual de danza do Teatro Rosalía de Castro de A Coruña. Un proxecto onde aplicar de maneira práctica o concepto de Programación Expandida adecuándoo a un programa de danza que, dende o ano 2012, foi activado dende un teatro público desta cidade.

Arredor da peza Mercedes mais eu e da constante relación coa música e a voz da súa creadora Janet Novás, abrirase unha práctica con ela para compartir como afectan e transforman ao corpo as cuestións sonoras.

Interesada na exploración de texturas e da súa tradución en enerxía, vibración e imaxes, a creadora propón un traballo de xogos sonoros dende o movemento, utilizando a voz como o canal que nos conecta co sensible e que desvela a memoria que conteñen os nosos corpos.

“Corpo e voz” desenvolverase o venres 10 de maio de 19:00 a 21:00 horas no escenario do Teatro Rosalía de Castro., e está aberta a todas as persoas interesadas no traballo de corpo e de voz, previa inscrición en trcdanza@gmail.com.

 

Deixar unha resposta