in

‘Eroski Paraíso’ gaña o Premio Gala do Libro Galego na categoría “Teatro”

EroskiParaisoKalandraka03 |

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) celebraron onte a cuarta edición dos Premios Gala do Libro Galego no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Eroski Paraíso, de Chévere, editada por Kalandraka, foi a obra gañadora na categoría de Teatro.

Eroski Paraíso, editada por Kalandraka na súa colección “Teatro”, é unha comedia documental que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación das relacións dentro dunha pequena comunidade a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que funcionou en Muros de 1972 a 1990 e que despois se converteu nun supermercado Eroski. Dirixida por Xesús Ron, a obra adapta a linguaxe cinematográfica e os recursos do documental para artellar unha peza teatral na que os personaxes chegan a resultar máis reais que os propios intérpretes. 

Eroski Paraíso estreouse no Teatro Principal de Donostia e na antiga fábrica de conservas Sel de Muros en marzo de 2016. Dende a súa estrea hai tres anos, esta montaxe -galardoada cos Premios María Casares 2017 á mellor dirección, mellor espectáculo, mellor actriz protagonista e mellor canción orixinal- chegou a ser un dos espectáculos galegos máis vistos e con maior proxección estatal dos últimos anos.

Paralelamente ao percorrido teatral de Eroski Paraíso e á súa versión en formato libro, tamén se rodou unha adaptación cinematográfica -dirixida por Jorge Coira- que se estreará proximamaente no próximo Festival de Cans.

Coa colección Biblioteca de Teatro, KALANDRAKA contribúe á celebración dos 30 anos de Chévere publicando as súas obras completas para que os espectadores sigan gozando do seu talento cando cae o pano. A iniciativa busca documentar ese teatro “feito a pé de escenario”, como precisa a compañía, da que é posible ir descubrindo “como transforma o texto cun imaxinario propio e intransferible” forxando un estilo xenuíno que se caracteriza polo “ton irreverente e canalla” das súas producións.

 


Publicidade

Premio Gala do Libro

Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2017 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de preselección e á valoración e fallo por parte dun xurado externo.

Outros libros gañadores foron Común temos a patria, de Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González (Ensaio e Investigación), Castelao na arte europea, de Siro López (Divulgación), Natura, de Iolanda Zúñiga (Narrativa), Man de Camelle, de Carmen Hermo (Libro ilustrado), Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes  (Poesía) ou Seis Poemas Galegos, de Federico García Lorca (Libro mellor editado).

As entidades convocantes, ademais, outorgaron Premios Honoríficos a María Xosé Queizán, Antonio Fernández Maira e Maria Teresa Horta.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EMHU |

A Coruña recibe o Encontro Mundial de Humorismo

PinchesChamacosAtlantida |

A MITEU de Ourense entregou os seus premios