in

A Coruña recibe o Encontro Mundial de Humorismo

EMHU |
O Encontro Mundial de Humorismo, que se celebrará entre os días 13 e 19, reunirá a artistas como Luis Piedrahita, Carlos Blanco, Javier Veiga, David Amor, David Perdomo, Ana Morgade, Touriñán ou os creadores de El Mundo Today.

 

O Encontro Mundial de Humorismo nace coa idea de establecer na Coruña o principal festival de humor do noso país. Unha semana para homenaxear “a comedia elevada e o humor de calidade, para coñecer os referentes imprescindibles e para desfrutar dos espectáculos con máis éxito”. O EMHU, que se celebrará entre os días 13 e 19 de maio, reunirá a artistas como Luis Piedrahita, Ana Morgade, Quequé, Touriñán ou os creadores de El Mundo Today.

O Encontro Mundial de Humorismo comeza o luns 13 de maio coa inauguración, ás 19:00, na sede de Afundación, da exposición dedicada a Wenceslao Fernández Flórez. Nesta breve exposición amósanse, a través da súa obra, algúns aspectos desta personalidade tan peculiar tendo en conta o tempo que lle tocou vivir e os autores que, dalgún xeito, influiron tamén na súa creación.

“Humor de autor vs. humor da xente” é o título dunha mesa redonda na que Siro López, Xosé A. Touriñán, Celso F. Sanmartín, David Amor e Quico Cadaval darán a coñecer a longa tradición humorística galega. O venres 17, ás 16:30, no Teatro Colón.

O festival presentará galas como Humoris causa (sábado 18, no Palexco), que reúne por vez primeira a Luis Piedrahita, Ana Morgade, Quequé e Xosé A. Touriñán nun mesmo espectáculo. Ou shows que xa teñen colgado en máis dunha ocasión o cartel de “non hai entradas” como No te metas en política, tour (venres 17 no Teatro Colón). Os cómicos Facu Díaz e Miguel Maldonado lograron durante dous anos que este espectáculo esgotase as entradas en Madrid. En maio, repasarán coa súa peculiar visión os últimos acontecementos políticos sobre o escenario do Teatro Colón.


Publicidade

Se falamos de actualidade e humor El Mundo Today (sábado 18 no Teatro Colón, ás 16:30) merece un lugar destacado. Kike García e Xavi Puig son as mentes que están detrás deste medio satírico que celebrará o seu décimo aniversario no EMHU cun informativo en directo, previsións meteorolóxicas e chiscadelas á actualidade política.

O Encontro Mundial de Humorismo contará tamén co programa con más audiencia da radiodifusión arxentina. La venganza será terrible (sábado 18 no Auditorio Sede Afundación, ás 18:30) é un radio show en vivo, con presenza de público e que conta con Alejandro Dolina, Patricio Barton, Guillespie e o Trío Sin Nombre: Manuel Moreira, Martín Dolina e Ale Dolina nos micrófonos. La venganza será terrible é, en definitiva, unha pequena experiencia teatral cotiá da que poderán desfrutar en directo todos os coruñeses durante o EMHU.

Javier Veiga, David Amor, David Perdomo, J.J. Vaquero e Álex Clavero sairán ao escenario do Teatro Colón a ver que pasa –e quen paga- na Mariscada dos idiotas (venres 17 ás 22:30, no Colón), un espectáculo no que o público será o xurado que decidirán quen se gaña o asento na cea.

Finalmente, a Gala Fantastic Colofón (domingo 19, ás 20:00, no Colón) será unha homenaxe ao humor con maiúsculas e un recoñecemento a esas figuras cuxa traxectoria e talento ten levado ao humor ao máis alto. A corrosiva Marta Flich conducirá este broche de ouro do EMHU que contará con Joaquín Reyes e Carlos Blanco, ademais doutros artistas invitados.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

stage |

Nace a Asociación de Profesionais Técnicos ao Vivo

EroskiParaisoKalandraka03 |

‘Eroski Paraíso’ gaña o Premio Gala do Libro Galego na categoría “Teatro”