Animais de costumes
| Manuel Xestoso |
| Foto: Rubén Prieto |
Utilizamos a expresión “animal de costumes” cun certo desprezo, como se os costumes pertencesen á esfera do animal, en contraposición a unha natureza humana presuntamente rebelde e amante da aventura. Facémolo por presumir, claro: en realidade, sen os costumes que herdamos ou que imos adquirindo non seriamos capaces de orientarnos nun mundo que tende a manifestarse de forma hostil cando non está regrado polo hábito. Vida de cans fala un pouco diso, de animais e de costumes, mais apunta ao humano como branco sen ser exactamente unha obra costumista.
“Vida de cans” tamén é unha expresión que empregamos con ánimo pexorativo, mais a vida dun can non ten por que ser peor que a dun humano: depende da circunstancia. E da capacidade de adquirir costumes que nos permitan aturala: a nós e aos cans. Os personaxes de Vida de cans, tirando polo alto, desenvolven o vello tema da posibilidade real da liberdade, do libre albedrío enfrontado ao destino. Saír ou non do valado que os mantén pechados, aínda que satisfeitos, é a forma que adquire a cuestión. E aquí o costume, mesmo o de innovar, semella ser o que marca a vida dos tres cans protagonistas que deben enfrontar a paixón de obedecer á iniciativa individual, a resignación ao cambio.
Coma nos libros de Erich Fromm, ou de Isaiah Berlin, os tres cans da montaxe deben, sobre todo, distinguir entre dous conceptos de liberdade: por unha banda, a emancipación de coaccións externas (o desexo de saltar o valado); pola outra, a capacidade de controlar o propio destino (a loita contra a resignación). Igual ca nós, os cans adoptan o papel de reflexivos ou impulsivos segundo calculan as posibilidades de supervivencia: poden ser cans vellos que anticipan o que vai vir e reaccionan con prudencia ou cans sen dono que apostan nun presente de praceres inmediatos.
O cálculo, acertado ou erróneo, sempre está detrás das decisións. E no fondo, dinos a obra, sexa cal sexa o nivel de perplexidade ante a facultade de exercer a liberdade, a responsabilidade moral é o baremo polo que se debe medir a existencia: a contemporizadora e a contestataria.
A obra de Pazó marca o terreo polo lado do estereotipo para logo ir descendendo pouco a pouco até o personaxe. Do mesmo xeito, comeza nun humor festivo para ir internándose nunha comicidade amarga e sentimental que o público recoñece como algo semellante á sabedoría popular: non é tal, senón unha axustada carpintaría dramática que leva ao espectador ata o punto que o autor busca para introducir a súa mensaxe. Aínda que nese afán por que o público non saia do camiño marcado, a obra actúa cunha cautela e unha amabilidade que a mantén dentro dos límites do costume, sen permitirse saltar o valado que lle outorgaría unha maior liberdade.
Malia ese conformismo, ou quizais grazas a el, Vida de cans séguese con agrado, grazas sobre todo a un elenco que sorprende nun desafío arriscado: xogar a ser cans sen deixar de ser humanos. A medida na caracterización e na construción dos personaxes axústase ao efecto buscado e engádelle un atractivo máis a unha función alicerzada no pulso dramático do autor, na comicidade contida e na probada competencia da compañía.
Vida de cans de Cándido Pazó
Dirección: Cándido Pazó
Elenco: Dani Trillo, Toño Casais e Artur Trillo
Espazo escénico e iluminación: Dani Trillo
Vestiario e maquillaxe: Martina Cambeiro
Música: Fernando Fraga
Deseño gráfico: Fausto isorna
Fotografía e vídeo: Rubén Prieto
Estrea o 23 de febreiro de 2019 no Pazo da Cultura de Narón.