A Asociación Amigos da Ópera da Coruña anunciou onte o calendario de actividades da súa Programación Lírica 2019, que terá como punto álxido a estrea os días 13 e 15 de setembro da ópera Don Giovanni, de Mozart, baixo a dirección escénica do cineasta Carlos Saura e co apoio económico da Consellería de Cultura e Turismo. O realizador aragonés, quen hai dez anos levara á gran pantalla o proceso creativo desta gran ópera de Mozart en Io, Don Giovanni, asume agora a súa posta en escena no Teatro Colón da mesma cidade na que en 1798 tivo lugar a súa primeira representación en España.
A produción achegaralle ao público unha nova aproximación á obra mestra de Mozart baixo a singular ollada do recoñecido director Carlos Saura, quen en Io, Don Giovanni se centrara especialmente na figura de Lorenzo da Ponte, autor do libreto desta ópera. O realizador asinará tanto a posta en escena como a escenografía, mentres que o deseñador Pedro Moreno será o encargado do vestiario.
Para a dirección musical, á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia e do Coro Gaos, contarase coa batuta de Miguel Ángel Gómez Martínez, o español que máis veces ten conducido a Filharmónica de Viena en formato ópera, así como cun reparto internacional encabezado polo barítono Juan Jesús Rodríguez, tras o seu recente triunfo no Metropolitan de Nova York. Don Giovanni suporá, ademais, o debut en España da soprano italiana Gilda Fiume e da mezzo norteamericana Ginger Costa-Jackson.
Na Programación Lírica deste ano, que se estenderá do 8 de setembro ao 13 de novembro, Amigos da Ópera tamén lembrará á gran Montserrat Caballé coa versión en concerto de Don Carlo, unha das obras maiores de Giuseppe Verdi. Neste caso, contará cun elenco encabezado pola soprano norteamericana Angela Meade, unha das novas estrelas do Metropolitan de Nova York. A actuación celebrarase o 28 de setembro no Teatro Colón.
A carteleira inclúe, así mesmo, os recitais dos tenores Celso Albelo (8 de setembro) e Michael Spyres (16 de setembro), do contratenor Carlos Mena (25 de outubro), os ciclos Os nosos intérpretes, As novas voces galegas e Lírica inclusiva e unha nova edición do Curso de Interpretación Vocal.
Pola súa banda, entre as actividades paralelas destacan as centradas na estrea de Don Giovanni, como o ciclo cinematográfico Carlos Saura e a música, a exposición Os bocetos de Don Giovanni e un encontro co propio director para falar sobre esta posta en escena.