Catro ex directores do centro –Eduardo Alonso, Damián Villalaín, Cristina Domínguez Dapena e Manuel Guede Oliva– debaterán sobre o pasado, o presente e o futuro do CDG, o xoves 4 de xullo, na Mostra de Teatro de Cangas.
A erregueté | Revista Galega de Teatro organiza, no marco das actividades da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, unha mesa redonda que se celebrará o vindeiro xoves 4 de xullo, ás 18:00 na Capela do Hospital, baixo o título de: “Centro Dramático Galego: pasado, presente e futuro”.
Nos últimos anos, o Centro Dramático Galego converteuse no eixo dun agre debate sobre as artes escénicas galegas. Dende a nunca explicada dimisión de Manuel Guede e a adopción dun sistema de contratación de elencos repetidamente cuestionado polas asociacións profesionais pola súa falta de adecuación “ás particularidades laborais e artísticas dos actores e actrices e directores e directoras”, cada montaxe do CDG vese envolta na controversia e a polémica.
Dentro do seu ciclo de coloquios na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, a erregueté | Revista Galega de Teatro organiza un encontro aberto ao público co obxecto de ofrecer unha reflexión conxunta sobre a situación actual do Centro Dramático Galego e os seus desafíos de futuro.
Co obxecto de xerar material para o debate, o presente, o pasado e o futuro da institución será analizado desde a perspectiva de catro persoas que asumiron a súa dirección ao longo dos seus 35 anos de historia: Eduardo Alonso, Damián Villalaín, Cristina Domínguez Dapena e Manuel Guede Oliva.