A Companhia do Chapitô recunca no Premio do Público coa súa versión de Electra.
| Foto: ProLight Foto Estudio |
A XXXVI Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas clausurouse este pasado sábado 6 coa entrega do Premio Xiria á compañía Os Monicreques de Kukas polo “seu intenso labor artístico e teatral que, ao longo de 40 anos, abriu anovadores camiños tanto coa creación de inusitadas marionetas e monicreques como coa importante difusión, en lingua galega, dese particular universo que supuxo unha auténtica revelación para nenas, nenos e público adulto deste país”. A MITCFC considera que este premio é sobradamente merecido porque actualmente “son un indiscutible referente”.
O dramaturgo Zé Paredes foi o gañador do III Torneo de Dramaturxia de Galicia, celebrado o día 3 e que se consolida como unha das grandes citas anuais da Mostra, unha aposta firme da MITCFC para dar a coñecer a dramaturxia galega, creando un nexo directo entre autoras/es e público. Este proxecto, pioneiro en Galicia e que este año chega á súa terceira edición, conta coa imprescindible colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega.
A Electra da Companhia do Chapitô foi a gañadora do Premio do Público. A Companhia do Chapitô, con 36 creacións orixinais ás súas costas dende 1996, explora o estilo da comedia visual e física que invita á imaxinación do público, recibido numerosos premios recoñecidos en escenarios de todo o mundo. A compañía xa gañara este premio en 2014, pola súa versión de Macbeth.
Na inauguración da Mostra xa se lle entregara o Premio Mulleres en Acción á cantautora María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés. A dirección da Mostra outórgoulle este premio “en recoñecemento ao seu espléndido labor artístico, compromiso e discurso a prol da igualdade e empoderamento das mulleres, labor que a converte nun referente para centos de nenas e nenos que tanto necesitan exemplos de mulleres libres que non hipotecan o seu éxito artístico a unha imaxe sexualizada ou estereotipada de si mesma senón á súa música e ás súas ideas”.