Este sábado 13 de xullo, a partir das 20:00, a Sala Ingrávida do Porriño entrega o premio Coiro de Pita, que lle outorga o público da sala á mellor montaxe teatral da programación de cada tempada.
A madriña e o padriño da sala, Mariana Fernández e Tatán R. Cunha farán entrega do premio á compañía eleixida polos espectadores e espectadoras da Ingrávida. Catro finalistas desputan o galardón:
- Artesa Cia., por Chola a it girl.
- Berrobambán, por Doppelgänger.
- Mortificación Teatro, por Por Kulo: el cisne que decidió combatir.
- Prácido Domingo, por Non fai falla ser unha casa para ter pantasmas.
Chola, a it girl, conta a historia de Chola,mecánica de coches, blogueira e youtuber galega é contratada por un teatro para presentar o seu monólogo ó máis puro estilo de show escénico youtuber. A través da presenza no escenario do seu coche Opel Calibra do 2000 transmitirá, con exemplos prácticos e didácticos, estratexias para poder descubrir quen somos, qué nos gusta, qué nos divirte… e sobre todo, saber recoñecer de onde vimos.
Doppelgänger é unha co-produción entra as compañías Berrobambán de Galicia e Arca de N.O.E de Colombia, co Centro Dramático Galego resultado dun proceso colaborativo estruturado en dúas fases. A primeira etapa de investigación e selección de materiais textuais e visuais, desenvolveuse nos meses de agosto e setembro en Medellín e rematou cunha primeira presentación pública. O segundo ciclo de ensaios tivo lugar en Galicia entre decembro e xaneiro e culminou na estrea definitiva do espectáculo.
Por Kulo: el cisne que decidió combatir é un espectáculo de danza-teatro persoal, autobiográfica e poética ao mesmo tempo que reflexiona sobre a homosexualidade e a súa relación coa sociedade capitalista moderna. Está dividido en tres partes que transitan dende a violencia ata a paz, pola rebelión contra a norma, pasando a problemática do medo na infancia e o amor e o sexo no mundo do consumo de corpos, do capitalismo sexual.
Finalmente, Non fai falla ser unha casa para ter pantasmas sitúase na fronteira entre a danza contemporánea, o teatro físico e as artes marciais. A compañía extrae directamente do Aikido diferente material físico, traballándoo primeiro no seu contexto máis puro para despois levalo a outros lugares, xogando con el e re–creándoo. Deste xeito, cada unha das disciplinas deixa a súa pegada, sempre ao servizo do que esta creación precisa para devolver a vida ás pantasmas durmidas.
A festa é completamente de balde ata completar o aforo e inclúe unha representación “Coiro de Pita” primeiro, despois vén a presentación do premio en si con Irene Moreira e Alex Sobrino, presentación do xurado e das compañías finalistas e, por último, os madriños da Sala Ingrávida, Mariana Carballal e Tatán, de Tanxarina, farán a entrega do premio.