in

A exposición ’30 Anos do Teatro do Morcego’, en Cangas, prorrógase até fin de mes

|

Un dos grandes atractivos da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que vén de rematar hai escasamente trece días na súa trinta e seis edición, foi a exposición adicada ao aniversario da creación da compañía teatral Teatro do Morcego.

A convocatoria de recordo, baixo o título de 30 anos do Teatro do Morcego, obtivo unha excelente acollida do público que fixo acto de presenza no vestíbulo do Auditorio Municipal de Cangas. Alí foron ubicadas pezas xa históricas do vestiario, a escenografía, a memoria gráfica e a dramaturxia, sempre atrevida e comprometida, dun dos grupos teatrais senlleiros na historia do teatro galego.

A organización da Mostra, atendendo ás peticións de diferentes colectivos culturais do Morrazo e ao interese suscitado pola retrospectiva dos ‘morcegos’, prolonga até o 31 deste mes de xullo a duración do evento nos horarios habituais: dende as 12:00 ás 14:00, na mañá, e de 17:30 a 22:00, pola tarde.

A exposición, que reborda colorido e unha visión de conxunto dos camiños teatrais percorridos pola compañía ao longo de tres décadas de actividade, o que a fai singularmente atractiva á vista, foi inaugurada o pasado 28 de xuño. Alí estiveron presentes, entre outros, o dramaturgo e alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos; Casilda García Alfaro, actriz e directora; Quico Cadaval, cómico e dramaturgo; Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, actor, e Manuel Guede, ex director do Centro Dramático Galego ademais dunha boa presada de amigos e coñecidos de Celso Parada e Isabel Ávila.

 

Os morcegos de Castelao

A compañía do Teatro do Morcego foi fundada no ano 1989 polo actor e director Celso Parada e Isabel Ávila e recibiu o seu nome á mantenta como explícita homenaxe a Castelao e á fascinación que o ilustre galeguista e artista desenvolveu polo Théâtre du Chauve-Sauris de Nikita Balief na súa viaxe a París en 1921.


Publicidade

O Teatro do Morcego mantén a súa actividade ininterrompida desde entón, recibindo premios en distintas modalidades nos Compostela por Misterio cómico e Doberman; nos María Casares por Lazariño de Tormes, Gran ilusión e Momo, sendo ademais finalista en varias ocasións.

Entre 1993 e 1998 constitúe, xunto con Teatro de Ningures e Tanxarina, a compañía Producións Teatrais do Sur.

No ano 2009 convértese en compañía residente do Concello de Narón pola súa longa traxectoria profesional cunha produción estable.

Ao longo destes trinta anos produciu 31 espectáculos nos que participaron máis de 50 actores, actrices, músicos e bailarinas.

Ademais de Celso Parada, a compañía contratou a diferentes directores: Júlio Cardoso. Quico Cadaval, Bernardo Galli, Etelvino Váquez, Andrés Pazos, Xoán Cejudo, Álvaro Lavín, Antonio Simón, José Prieto e Kevin Orr.

Actualmente a compañía está preparando Delicatessem, un espectáculo que xoga ao ilusionismo a partir de textos de Eduardo de Filippo, Eduardo Galeano e Roland Toppor. Dramaturxia e dirección de Celso Parada. En escena, o propio Celso e Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Canibalismo |

Crowfunding para adaptar ‘Canibalismo’, de Marcos Abalde, ao cinema

JoanDArc02 |

Joan of Arc