in

Comeza a nova tempada da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Tickets |
No segundo período de programación, que se estenderá de agosto a decembro, Contraproducións, Chévere, Limiar Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego, Odaiko, Pérez&Fernández, Producións Dispersas, Producións Teatráis Excéntricas, Teatro da Ramboia e Sarabela Teatro presentarán novas producións.

 

Budiño será o encargado de abrir mañá en Burela o segundo período da programación anual da Rede Galega de Teatros Auditorios, impulsada pola Xunta. O concerto que ofrecerá ás 22:00 na carpa da Festa do Bonito dentro da xira de presentación de Fulgor, o seu novo traballo, será a primeira das 205 citas culturais que terán lugar entre os meses de agosto e decembro no marco deste circuíto, que durante 2019 terá promovido 554 funcións en 39 localidades das catro provincias.

Para levar a cabo esta programación, a rede conta este ano cun orzamento de 1,48 millóns de euros, cofinanciado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e as entidades locais xestoras dos máis de 40 espazos asociados. Con máis de 20 anos de traxectoria, trátase dunha das máis amplas e estables canles de encontro entre o público e a nova produción escénica e musical galega. Así, en 2019 o devandito investimento destínase integramente á contratación de 152 compañías profesionais de teatro, música, danza, novo circo e maxia, a meirande parte delas galegas.

Ademais do concerto de Budiño, esta carteleira ten previstas outras oito citas para agosto. Cinco delas serán co público infantil en Foz, onde o luns 5 poderá verse Don Quixote, unha comedia gastronómica, de Limiar Teatro, o martes 6, Aguratrat, de Pérez&Fernández e o luns 12, Os tres porquiños, de EducaTeatro Producións; na praia de Barraña de Boiro, onde o xoves 8 Larraitz Producións Artísticas representará o espectáculo Dona Barriga Verde, e en Noia, coa posta en escena de Riscando o ceo por Circo Chosco o martes 13 no Teatro Coliseo Noela.

A oferta deste mes na Rede Galega de Teatros e Auditorios complétase con outros tres concertos a cargo de Treixadura o día 8 na praza Maior do Carballiño, María do Ceo o día 10 no parque das Ánimas de Gondomar e Adhara and Ritman o día 17 na praza da Muller de Cee.


Publicidade

 

Novos espectáculos en rede

A programación intensificarase a partir de setembro, xa que a Rede Galega de Teatros e Auditorios contratou para este segundo semestre do ano 89 compañías e grupos profesionais, dos que 83 teñen a súa sede en Galicia. Moitas delas preséntanse nesta temporada coas súas novas producións, que teñen no seo deste circuíto algunhas das súas primeiras citas co público.

Será o caso de Contraproducións con O electo, Chévere con Curva España, Limiar Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego con Se fosen turistas levarían gafas de sol, Odaiko con Circopeta, Pérez&Fernández con Os nenos da varíola, Producións Dispersas con Todas as marabillas do mundo, Producións Teatráis Excéntricas con Medida por medida, Teatro da Ramboia con O meu mundo non é deste reino e Sarabela Teatro con Crónicas do paraíso.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Patapatum |

Dezasete espectáculos na Mostra de Cariño

kirenia1 |

Kirenia C. Martínez Acosta desenvolve unha performance en Italia