in

Ubú, flor do mal, por Henrique Harguindey Banet

OsUbu |
Cando o ceo sobre nós é unha lousa pechada
que fai reptar no chan o espírito a laiar
e o horizonte semella unha soga apertada
que afoga un día negro máis triste que o pesar.
Cando a terra se vira en prisión lamacenta
onde a Esperanza foxe, cal morcego voador,
e bate contra os muros e nos teitos rebenta
crebando a súa testa en berros de agre dor.
Cando a chuvia, espetando as inmensas razadas,
imita eses barrotes da férrea prisión
e a infame multitude de arañas tan caladas
cobre os nosos cerebros e toma posesión.
De súpeto resoan fortes sinos furiosos
que lanzan cara ao ceo un lóbrego oubear,
e espíritos errantes debruzan os seus osos
nun contino salaio como o vento a bruar.
E un fúnebre desfile sen música nin canto
a miña alma percorre ; a Esperanza cedeu
chorosa, mais a Anguria atroz venceu no entanto,
e chanta no meu cranio o negro pendón seu.
Charles Baudelaire, As flores do mal
(Tradución H.H.)

 

 

Nada, se cadra, tan certeiro coma ese estarrecedoramente fermoso Spleen para plasmar o Desespero, a Desesperanza, a Desesperación. Impresionante cadro da Depresión por riba de tempos e de terras. O Baleiro. A Desfeita.

Nesa situación hai quen sucumbe e quen se revira, quen loita coas distintas armas que ten e que sabe manexar.

Aí naceu Ubú. E a creación jarryesca.

Nun mundo asoballante e mentireiro, a fuxida a esoutra realidade que está sobre a real (iso é o sur réel do surrealismo) xa a reclamaba Baudelaire : Anywhere out of the world.

Jarry con ese mundo de monicreques de papel, de cartón e de pau, ridiculamente sinistros e totalmente vivos no seu absurdo farsesco, desvenda estoutro noso cotián do que a excesiva proximidade nos impedía ver a macabreza e o perigo. As árbores non deixaban ver o bosque.

Mais debullemos amodiño unha rápida achega.

 

Alfred Jarry

Nacido en 1873, Alfred Jarry comeza a escribir comedias en prosa e verso en 1885, mentres estuda no liceo de Saint-Brieuc, na Bretaña. Alí, un profesor de Física é obxecto de sátiras dos alumnos que o coñecen por o Pai H. e o converten en encarnación de todo o grotesco. Un episodio desta xesta satírica, escrito por Charles Morin leva por título Os poloneses e conta os avatares do P. H. feito rei de Polonia. Jarry –tras contactar coa familia Morin- dálle forma de comedia e estréase polas marionetas do Théâtre des Phynances en 1888, continuando a representarse en 1889 e 1890. Nese tempo Jarry escribe o que será coñecido como Ubú cornudo, que constituirá o denominado “segundo ciclo”, ao ser o primeiro o dos poloneses, futuro Ubú rei.

En 1891 trasládase a París, onde segue a escribir e comeza a publicar. Preséntalles aos amigos e retoca a peza teatral de Os poloneses.

En 1896 publícase e represéntase o Ubú rei ou Os poloneses. A obra iníciase cun provocador Merdra! A estrea suporá unha batalla campal semellante á da primeira representación do Hernani de Victor Hugo sesenta e seis anos antes.

Ubú encadeado (o terceiro ciclo de Ubú) aparece en 1901 e o cuarto ciclo está constituído polos Almanaques do Pai Ubú publicados en 1899 e 1901, onde entre temas ubuescos de todo tipo (cancións, debuxos, calendarios, festas e solemnidades, orde da Chedrolla, etc) aparecen tamén textos teatrais como o Ubú Colonial. Finalmente, a xesta péchase con Ubú no outeiro, versión abreviada do Ubú rei, que constitúe o quinto ciclo.

A maiores, a obra jarryesca –sempre no mesmo tono da ’Patafísica- complétase con numerosas publicacións como O supermacho, O Amor Absoluto, Xestas e opinións do doutor Faustroll, A candea verde e outras, moitas veces publicadas póstumamente.

Tras unha intensísima e reloucante vida que o chucha e esgota, Alfred Jarry morre en 1907, aos 34 anos.

 

A xesta ubuesca

Adóitase falar –como xa apuntamos enriba- de Ubú como dunha canción de xesta medieval cos seus ciclos (subconxuntos que teñen en común un personaxe, unha familia, feito, tema, contexto, período, etc e non teñen por que ser obras dun só autor). Ás veces proveñen dunha tradición popular que nos transmite anónimamente protagonistas heroicos recollidos logo por un autor que o potencia, como é o caso do xigante Pantagruel, de quen Rabelais –no século XVI- prolonga os feitos e a xenealoxía. No final do século XIX estoutro xigante de prominente chedrolla, o repulsivo antihéroe Pai Ubú, será retomado da rexouba escolar e substancialmente definido e elevado por Jarry, mesmo se unha recovaxe de escritores, músicos, pintores e artistas de todo tipo fan tamén contribución importante e un deles, o galerista Ambroise Vollard continúa a publicar novas aventuras do Pai Ubú á morte do seu amigo. E ata os nosos días e en todo tipo de soportes o Pai Ubú segue vivo, campando arreo en eidos de todo o mundo.


Publicidade

En galego, Ubú foi representado por Teatro de Ningures, por Maricastaña, por La Imagina Machina, pola Aula de Teatro da Universidade da Coruña… Como texto ou como pretexto, e de aí que Ubú rei poda virar en Ubú Roa con Chèvere ou en Ubú O’Reilly con Talía. Agora acaba de ser representado magníficamente pola Escola Municipal de Teatro de Cangas dentro da XXXVI Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (1).

 

Escravitude e liberdade: Ubú encadeado

Ben coñecido xa o tratado e o suxerido no Ubú rei, é oportuno sinalarmos aquí brevemente a novidade que agroma no Ubú encadenado (2).

Ubú, farto de fuxir e de levar paus polas súas falcatrúas, chega ao país da liberdade, onde decide asumir o papel de escravo. Os homes son alí instruídos, no servizo militar, como “homes libres”, mais de novo estamos nun mundo de dobre linguaxe e de falsidade onde os que se chaman Mexapouquiño ou Mexanopenico pretenden ser chamados Marqués de Pradogrande e Marqués de Grandesaires; onde Eluteria –nome de orixe grega co significado de “libre”- é advertida de que non é unha “muller libre” senón unha simple cantineira que non debe permitirlles “liberdades” aos homes; onde o “escravo” Ubú se impón á forza como porteiro e impide a entrada á casa que ocupa. Dobre linguaxe e dobre mentira pois os “homes libres” teñen a obriga de desobedecer o que lles mandan. A liberdade, ao final, consiste niso, non hai opción ningunha. Cómpre obedecer sempre: ao dereito ou ao revés.

Condenado pola Xustiza –ascendido, afirma el- a remar a perpetuidade nas galeras do sultán dos turcos, Ubú entra transitoriamente na prisión, da que se convirte no amo e e alí vive ben, ata e desata provocando a cobiza dos “homes libres” que se revoltan e toman a prisión para se tornaren en presos.

En Ubú encadeado Jarry retorce a esencia do poder. O que poderiamos entender como sinxela viravolta da figura despótica e sádica do ditador -que non deixa de admirar o seu polo oposto do escravo masoquista- pasa a ser explícita expresión da asunción voluntaria dos “homes libres” perpetuando a súa opresión, desta vez nun “mundo feliz”.

Curiosa e sinistramente, non estamos ante unha pura fabulación imaxinaria e absurda, estamos ante un comportamento real da Humanidade. Nas primeiras décadas do século XIX, unha parte do pobo español coreaba o berro de “Vivan las cadenas!” aclamando o absolutismo do borbón Fernando VII. Nos anos 1930 unha fracción das masas populares de Europa coreaba o feixismo e o nazismo e apoiaba, e mesmo praticaba, o crime. A infame multitude de arañas tan caladas segue a tecer arreo as súas redes e cubrir os nosos cerebros. Tomarán posesión deles?

 

Permanencia de Ubú

Ubú remite –directa ou indirectamente- a Shakespeare, como remite ao teatro grego en títulos que poden facer pensar en Edipo e en Prometeo ou empregan termos helénicos como autocletes e arqueoptérix. Mais por riba de ciclos, momentos e lugares, por riba de derivacións e de adaptacións, por riba de conexións coa Literatura e coa Historia, Ubú é un personaxe sólido e constante, macizo e ameazador poderiamos dicir. É ruín, rapiñeiro e vertolán, e non ten o menor sentimento que se poida considerar positivo, resultando ao final un covarde medoñento capaz de vender os seus para se salvar el. Claro que, como prototipo do egoísmo, Ubú non ten seus. Só el conta: a súa enorme chedrolla, potente imaxe na que conflúen a chepa e a panza en alusión soterrada á androlla rabelesiana.

Ora ben, por moito que Jarry faga chiscadelas ao creador da xesta dos xigantes (3), e por moito que a xesta de Ubú comparta con aquela a presenza permanente e totalizadora da materia corporal, as súas perspectivas son radicalmente distintas: Rabelais faino dende unha visión leda e optimista, consoante coa tradición popular e a visión renacentista, anunciadora dunha sociedade xusta e democrática, en tanto que Jarry afúndese na mourenza do retorcemento grotesco dun mundo sen saída gobernado pola ameaza e o despotismo, prefigurando os peores momentos da Humanidade no século XX. Fronte á esperanza da liberación, a desesperanza da prisión.

A invitación á viaxe a esoutro país da Beleza, que reclama Baudelaire, morre no trip, e a fuxida de Ubú na súa procura non leva a ningures e terá que se repetir perpetuamente nese novo navegar dun Pantagruel tornado Sísifo. Entrando nos seus corpos e mentes, a flor do mal baudeleriana acaba co poeta igual que a flor do mal jarryesca acaba co escritor, virado na encarnación do seu grotesco personaxe.

Mais a súa obra permanece vizosa: a beleza imprescritíbel dos seus poemas en verso e en prosa, a revolta e denuncia da opresión e a represión no seu teatro.

Xa só iso, axúdanos a vivir.

 

 

Notas:

  1. ETC: Os Ubú (Ubú rei/Ubú encadeado). Dirección de Silda Alfaro, tradución de Henrique Harguindey, dramaturxia de Xosé Manuel Pazos.
  2. En http://www.palabrasdesconxeladas.gal pódense ler en libre acceso Ubú rei, Ubú encadeado e mais Ubú colonial.
  3. Como mostra desa súa atracción pola xesta rabelesiá, Jarry compuxo en 1905 o libreto da ópera bufa Pantagruel, que foi publicado postumamente.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

IlovethemicrophoneRakhalHerrero |

A IV edición do Festival herDanza leva a danza contemporánea a espazos singulares de Compostela

teatro0987637 |

Comezou a XXXIV Semana de Teatro do Valadouro