A apoteose da loucura
| Ana Abad de Larriva |
| Foto: David Rodas |
A maior parte do que importa na vida non é entendido pola nosa mente lóxica. Refírome a esas emocións que nos sacoden: subxugantes, liberadoras, incómodas… As que nos fan berrar de rabia, ou de pracer ou nos debuxan un sorriso pampo. As que duran uns segundos ou se instalan durante anos. Daimon y la jodida lógica, a última creación escénica de Matarile, que se estreou a fin de semana do 6 ao 8 de setembro de 2019 na Sala Ártika, en Vigo, navega por ese terreo, o que se enfronta á (fodida) lóxica e se mergulla no descoñecido, no inefable. Vincúlase con ese concepto clásico do daimon, que responde aos impulsos colectivos e individuais e ten conexión co “destino, a voz da conciencia, a intuición, anxo ou demo, o murmurio da voz interior que detén ou empurra”, como explica Ana Vallés no programa. Porén, a ela, o daimon que lle interesa máis é aquel que tamén é “eu”, que actúa como “unha porta ao extraordinario, ao que nos salva, ao sublime ou á loucura”. Son cuestións que xa levan tempo presentes na súa poética. En Los limones, la nieve y todo lo demás, Ana preguntáballe á espectadora, ao espectador, a quen bicar: a beleza ou a loucura. Nesta peza, bícanse as dúas.
A compañía opta polo gran formato, cun equipo base de 14 persoas e un despregue de música en directo, coreografías e textos moi potentes. Faise unha interesante reflexión sobre a profesión teatral, as dinámicas das compañías e o propio lugar onde se sitúa Matarile no panorama escénico, así como cales son algúns dos seus referentes. Formúlase mediante textos moi ben fiados que tocan no lugar preciso, algo que xa é selo de identidade de Ana Vallés, e refórzase deixando a un lado a lóxica da palabra e xogando cos demais elementos escénicos, non só dende un punto de vista de significación senón tamén e, especialmente, estético.
Se, como di Ricardo Santana, estamos ante unha paisaxe (enténdase panorama político e social) cuxa peor característica non é a hostilidade, senón a indiferenza, e onde a cultura parece que se converteu nunha especie de ruído de fondo; o que hai que facer é traelo a un primeiro plano. Créase un balbordo necesario, tanto de xeito simbólico, por toda esa carga estética e de significación que contén a montaxe, como literal, nos momentos de descargas sonoras explosivas, que sacoden a indiferenza, o corpo, e fan que piten os ouvidos de quen se sinta aludido (iso si, persoas con sensibilidade acústica, levade uns tapóns para algúns momentos de clímax sonoro, que igual vos poden pitar tamén). A loucura toma o patio de butacas e hai quen ri ante palabras que conteñen unha gran crueza.
A música, con preciosos solos instrumentais (como os de viola de Alba Loureiro) e tamén acompañados pola voz suave de Cristina Hernández Cruz, modula ese paso da beleza á loucura da apoteose, reforzada por Nacho Sanz á batería, en que o son, procesado, gaña intensidade, se distorce e parece que golpea os corpos dos e das intérpretes.
Destacan os momentos de danza catártica de Ana Cotoré, o baile sonoro coa choca pendurada do pescozo de Neus Villà e as composicións corporais de Nuria Sotelo. A iluminación de Baltasar Patiño é, como sempre, excelente. Hai momentos de tanta beleza que unha podería quedar aí, co tempo parado, presa do efecto das luces.
A presenza de Celeste é magnética en calquera dos rexistros e accións que desenvolve e Jorge de Arcos parece flotar sobre a escena subido a uns zancos. Percórrea como esa presenza daimónica que asexa e mesmo move e manipula; ás veces, anxo, ás veces, demo. Así, dun xeito moi sutil, abre e pecha a peza e, ao tempo, esa porta ao extraordinario á que aludía Ana Vallés.
Daimon y la jodida lógica, de Matarile Teatro
Dirección: Ana Vallés
Elenco: Ricardo Santana, Nuria Sotelo, Celeste, Alba Loureiro, Cristina Hernández Cruz, Nacho Sanz, Jorge de Arcos Pozo, Neus Villà Jurgens, Ana Cotoré.
Iluminación, espazo e dirección musical: Baltasar Patiño
Músicos: Nacho Sanz, Cristina Hernández, Alba Loureiro, Neus Villà, Nuria Sotelo.
Coreografías: Ana Cotoré, Ricardo Santana, Nuria Sotelo, Celeste, Cristina Hernández Cruz, Neus Villà Jurgens, Jorge de Arcos Pozo, Alba Loureiro, Ana Vallés.
Vestiario: Matarile, Naftalina.
Sala Ártika, Vigo, 8 de setembro de 2019.