in

Novo encontro entre as dramaturxias galega e portuguesa no Consello da Cultura

|
O martes 1 de outubro, ás 18:30, no Consello da Cultura Galega, en Compostela, terá lugar a lectura dramatizada de dous textos de Ana Carreira e Joana Craveiro que continúan o programa “Dramaturxias itinerantes/Dramaturgias itinerantes” iniciado o ano pasado.

 

O Consello da Cultura Galega, o Camões, Centro Cultural Português em Vigo e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia dan continuidade ao programa “Dramaturxias itinerantes/Dramaturgias itinerantes” coa edición de outono, que ten como obxectivo servir de ponte entre as escrituras teatrais galega e portuguesa para fomentar, a través do diálogo escénico, un mellor coñecemento mutuo que poida agromar en futuros traballos colectivos.

Na pasada primavera inaugurouse en Galicia o ciclo e acolleuse, primeiro en Compostela e despois en Vigo, os textos das dramaturgas Patrícia Portela e AveLina Pérez, nas voces do alumnado da ESAD e de parte do Grupo de Teatro Amador do Centro Cultural Português do Camões de Vigo, Eu.Experimento. Ambas autoras están a desenvolver conxuntamente un proxecto que se presentará en Galicia e en Portugal en 2020. Este proxecto xa deu, pois, os seus primeiros froitos.

Nesta ocasión, son Ana Carreira e Joana Craveiro as autoras escollidas para ofrecer os seus textos dramáticos. Un intre antes do solpor (Premio Varela Buxán de Dramaturxia no ano 2014) é a aposta da autora galega para esta cita, na que unha parella de anciáns vive os seus últimos solpores no patio dunha residencia. No seu diálogo emerxe a nostalxia e a dor, pero tamén a busca da beleza, a pesar da inminencia do final. Pola súa parte, a creadora portuguesa trae Atalhos, ou sobre o caminho mais comprido entre dois pontos, un texto documental sobre un grupo de mozas e mozos que parte nunha viaxe evocativa por entre diversas noticias de xornais e que será presentado polo alumnado de Joana Craveiro na Escola Superior de Artes e Design das Caldas da Rainha, Portugal.

A edición deste outono contará cunha nova entidade parceira, as Comédias do Minho, unha rede cultural da Região do Val do Minho que inclúe os cinco municipios portugueses de Melgaço, Monção, Paredes de Coura, Valença e Vila Nova de Cerveira. Tratase dun proxecto cultural adaptado á realidade socioeconómica desa rexión e, por tanto, cun enfoque especial na integración da poboación, a partir da construción de propostas de efectivo valor participativo e simbólico por e para as comunidades. O enfoque central das Comédias do Minho, desde a sua creación en 2003, é o teatro. A integración desta entidade como colaboradora do Programa Dramaturgias Itinerantes supón un interese notable para a relación bilateral entre Portugal e Galicia no relativo á produción e intercambio teatrais.


Publicidade

Como en anteriores encontros literarios -organizados en colaboración co Instituto Ramon Llull e co Instituto Etxepare-, o Consello da Cultura Galega publica na súa web os textos dramatizados na xornada coa finalidade de seguir a estreitar os vencellos entre a cultura galega e a portuguesa, co teatro como aliado na construción dun espazo común e diverso no que existirmos e dende o que falar coas nosas propias voces.

 

Outras itinerancias do programa:

MÉRCORES, 2 DE OUTUBRO
16:30 horas
Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD)
R/ Poza Cabalo, s/n
36211 Vigo (Pontevedra)

XOVES, 3 DE OUTUBRO
18:00 horas
Cine Teatro João Verde
Largo da Alfândega 1
4950-432 Monção

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xanela do Maxín

O XXIV Festival Galicreques presentará 13 funcións para escolares

Carlos Labraña

“Da escrita à exibição da obra em Portugal e na Galiza”, en Lisboa, con Carlos Labraña